martes, 31 de enero de 2012

"Todo oscuro, sin estrellas", de Stephen King



Teño varias novelas pendentes de comentario, pero ultimamente entre unhas cousas e outras non me queda demasiado tempo e a lista vai crecendo. Esta de hoxe é das que rematei máis recentemente e non lle tocaría aínda,pero como garda unha certa relación nalgúns aspectos coa inmediatamente anterior parecíame oportuno comentala xa, antes de que houbera demasiado espacio entre elas. Digo so unha certa relación, hai unha gran distancia entre ambas ao mesmo tempo, pero si un elemento común en canto ao plantexamento argumental no que se refire a poñer a persoas máis ou menos normais, cotiáns, nunha serie de situacións que poden levalos a comportarse de formas inesperadas non so para o lector, senón tamén para os mesmos protagonistas dos relatos. Claro que no caso de “Cara B” falamos dun autor novel e que escribe en lingua galega e no comentario do de hoxe estamos ante un dos máis coñecidos autores de literatura fantástica e de terror dos Estados Unidos, Stephen King. Xa digo de antemán que non é en absoluto unha comparación, non teñen nada que ver case en ningún sentido, pero si no que acabo de mencionar, ambos son dous libros de relatos breves que levan a xente normal a situacións inesperadas e ante as que reaccionarán de modo violento e lonxe do que poden ser na súa vida diaria.

“Todo oscuro, sin estrellas”, publicada en el 2011, é de momento a última novela de Stephen King publicada en España. De novo unha colección de relatos máis ou menos curtos, catro compoñen o volume neste caso, que sigo a pensar que é un dos lugares nos que mellor se move este autor. Con isto non quero dicir que as súas novelas longas non estean ben, pero estas coleccións de contos soen ser as que máis me gustan. Non é a primeira vez que King aparece por aquí, xa dixen nalgún momento que o xénero fantástico e de terror era un dos meus favoritos e penso que neste campo é dos que máis me gustan, aínda que nos últimos anos, sobre todo as súas novelas longas, están a ser algo menos interesantes. Como xa apareceu por aquí nun par de ocasións non vou deixar recensión biográfica, que ademais estendería demasiado este post. A súa última novela longa, “La cúpula”, gustoume bastante, salvando un final que non me convenceu demasiado. Tras esta teño pendente aínda unha colección de contos, “Después del anochecer” (2010) e polo momento en castelán esta de hoxe é a última. En breve chegarán as súas dúas últimas novelas publicadas en Estados Unidos, “11/22/63” e “Mile 81”.

Catro historias compoñen esta novela de algo máis de catrocentas páxinas, evidentemente non son relatos curtos, pero tampouco demasiado longos e xa vos digo que a intensidade e tensión dos catro farán que os rematedes case sen darvos conta. Como case sempre consegue atrapar ao lector e transmitirlle a tensión que sofren os protagonistas, facendo que case non sexa un capaz de deixar a historia ata coñecer o final das situacións, non é sinxelo deixalas á metade. So nunha delas hai un compoñente que podemos considerar fantástico que rompe un pouco coa liña das demais. As tres restantes son arrepiantes precisamente pola súa verosimilitude, porque parecen a ollos do lector como algo completamente posible e incluso real, algo que podería pasarlle a calquera en calquera momento da súa vida, é máis, a algúns e algunhas pasaríanlle cousas parecidas ou iguais.

“1922” é a historia de Wilfred Leland James, a súa muller Arlette e o seu fillo Henry. O título fai referencia ao ano no que transcorre a historia e se desenvolve na típica granxa americana da época da depresión. James é o dono da pequena granxa cos problemas económicos do momento, unha pequena explotación que vai sobrevivindo a duras penas, con moito traballo e poucas satisfacións e con moi pouco tempo para disfrutar realmente da vida. Leva varios anos casado con Arlette, dona dunha extensión de terreo pegada á granxa do seu home. Ela quere vendela a unha compañía que instalaría un matadoiro,vender o resto da granxa e que todos marchen á cidade, para levar unha vida algo menos complicada. James non quere ver iso e pouco a pouco vai convencendo ao seu fillo de que a súa nai non é boa, de que o que ela quere non é bo e que a única solución que teñen para evitar marchar é asasinala. Unha noite cometen o brutal asasinato e tiran con ela a un dos pozos que teñen nas súas terras. Aquí empezará unha espiral de intranquilidade, pesadelos, visións e torturas ante o que fixeron que vai levalos a un final quizais esperado, pero brutal.

“Camionero grande” está protagonizado por Tess, unha máis ou menos coñecida autora dunha saga de novelas de investigación protagonizadas por unha serie de mulleres que forman o “Club da Calceta de Willow Grove”. Ademais de escribir frecuentemente é invitada a dar charlas en clubs de lectores e lectoras coa única condición de que non deben estar demasiado lonxe da súa casa, non lle gusta demasiado pasar a noite fóra, deixar so ao seu gato e viaxar distancias demasiado longas. Recibe unha invitación firmada por Ramona Norville para que vaia a dar unha das súas charlas ao club que dirixe na biblioteca do seu pobo, Chicopee. A cantidade que lle pegan é superior ao normal e o pequeno pobo está moi preto da súa casa, tanto que pode ir e volver no mesmo día no seu propio coche. A charla é un éxito pero cando vai emprender a viaxe de volta a señora Norville suxírelle que programe no seu GPS un atallo que fará que chegue moito antes. Pero algo pasa, un pequeno accidente detén o seu coche, e un camioneiro que en teoría para con idea de axudala acaba violándoa brutalmente e deixándoa por morta nunha tubería. Cando esperta o asco, a vergoña e a desesperación apodéranse dela, non sabe se denuncialo ou non, ademais de outras cousas que descobre no seu momento. ¿Como reaccionará ante todo isto e as cousas que atopa?...

“Una extensión justa” é a que ten ese compoñente fantástico que fai que se separe da tónica das demais. Dave Streeter é un home de idade media ao que lle diagnostican un cancro terminal. Paseando un día atopa un pequeno posto ambulante cun home algo peculiar como vendedor. Para a falar con el e sen saber moi ben por que cóntalle a súa vida e o seu problema. Este lle di que é vendedor de “extensións xustas”, algo que Dave non entende demasiado ben ata que lle ofrece unha “extensión de vida”, dos menos de seis meses que lle quedan a máis de quince ou vinte anos; iso si, non por un prezo, senón a cambio de algo ou máis ben neste caso de alguén. Dave enseguida pensa en venta de almas e esas cousas, sería o esperable, pero non, o prezo é “simplemente” pasarlle a súa mala sorte a alguén que odie, que outra persoa sufra no seu lugar e Dave poida ter unha vida plena e feliz. ¿Atopará o protagonista a alguén para poder gañar eses anos? Teredes que lelo se queredes sabelo.

“Un buen matrimonio” para min é un dos máis inquietantes. Darcy Madsen é unha muller normal, sen nada que destaque nin para ben nin para mal. En certo momento da súa vida coñece a Bob Anderson, un contable e afeccionado á numismática. Tras un tempo de relación casan e van levar unha vida máis ou menos feliz, terán dous fillos e todo parece ir de marabilla. Pero un día Darcy descobre un tremendo e escuro segredo do seu marido, unha sospeita que vai converterse unha dura realidade coa que non sabe se podería convivir. O seu marido é un dos asasinos en serie máis buscados dos Estados Unidos. ¿Que vai facer Darcy agora?

Catro historias que te atrapan desde o principio, porque a idea central está aí desde as primeiras liñas, sen demasiados detalles anecdóticos. Todos eles nese habitual estilo de King que sabe enredar ao lector e non soltalo ata que a historia remata, algunhas veces cun suspiro de alivio e outras con algo de angustia, cunha acción continua e centrada nas historias dos catro protagonistas. Sigo pensando que o relato de extensión curta ou media é onde máis cómodo se atopa, ten novelas longas (algunhas moi longas) que tamén me gustaron moito, pero con estes outros é cos que máis disfruto. Sempre teñen algo novo, algo interesante, algo distinto que fai que non poidas deixalo ata que remata a historia, que case sempre te deixa un bo sabor de boca, así que vas a pola seguinte. No epílogo final comenta que xurdiron de noticias de prensa, de situacións vividas por el e da observación da realidade. Recomendable, creo que vai gustar aos afeccionados a este tipo de relatos, pero creo que os que non o son tamén poderán pasalo ben coa lectura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario