miércoles, 18 de enero de 2012

"Cara B", de Ignacio Silva


Non hai moito tempo que chegou as miñas mans o libro que vou comentar hoxe e foi unha lectura que me sorprendeu gratamente. Non falo estritamente de novela porque é un conxunto de tres relatos máis ou menos curtos dentro do mesmo volume, cunha certa conexión entre eles que é a que lle da título ao mesmo. É un novo autor dentro do panorama literario en lingua galega e, polo que teño lido dáme a impresión de que promete bastante. Gustoume moito na forma de traballar a técnica narrativa, con algunhas innovacións curiosas e sorprendentes que me chamaron moito a atención, unha forma de contar as historias que ademais non é similar nos tres relatos e que parece que pode aportar algo a un xénero narrativo onde non é sinxelo facer cousas novas e, ao mesmo tempo, atrapar e agradar ao lector. O autor é Ignacio Silva e a novela titúlase “Cara B”, publicada en Edicións Xerais de Galicia en febreiro do 2011.

José Ignacio Silva Reguera, nado en Carballo (A Coruña) en 1978. É licenciado en Dereito pola Universidade de A Coruña. Recibiu varios premios como narrador cos seus relatos. En 2006 o Premio Gzcrea na modalidade de relato, convocado pola Dirección Xeral da Xuventude e Solidariedade pola historia titulada “Alén dos sentidos”. Con “Catro esquinas” gañou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade en 2008, convocado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense. O seu relato “Tic-Tac” foi segundo premio do Certame Os Viadutos en 2008, convocado pola Concellaría da Xuventude de Redondela. Nese mesmo ano gañou a sétima edición do Certame Literario Valle Inclán, convocado en A Pobra do Caramiñal pola Asociación de Amigos do Museo Valle Inclán coa novela curta “Cela aberta”. En 2009 foi gañador do II Premio de Novela Curta Cidade Centenaria, convocado polo concello de Riveira con “Vertixes” e do II Premio de Micronovela Concello de Soutomaior por “Escintileos”. “Cara B” recolle as súas tres novelas premiadas e é a primeira obra súa que aparece na colección Xerais Narrativa.

Este libro reúne eses tres relatos premiados nalgúns dos máis importantes concursos que se convocan en Galicia e en galego nestes momentos, un dato a ter en conta. A súa lectura pode darnos unha idea do que Ignacio Silva pode aportar a partir deste momento á narrativa galega. Tres historias completamente distintas, pero todas elas relacionadas por unha serie de aspectos, tanto técnicos no que se refire á forma de narrar como argumentais, no que se refire á situación á que chegan os protagonistas dos mesmos e como reaccionan ante ela. Son relatos curtos, pero en todos eles o protagonista central vai atoparse nunha situación límite que fará que reaccionen de maneiras que nin eles mesmos esperan, actuando dunha maneira que non parece corresponderse co que en realidade son ou coa súa actitude diaria ante a vida. Estas situacións farán que saia deles unha parte escondida e escura, algo que está moi dentro do seu interior e que so aparece cando están ante algo co que nunca pensaron que ían ter que enfrontarse. De aí o título, esa cara B que posiblemente todos temos, pero que ao mellor non aparece en ningún momento ao longo das nosas vidas, ou si, iso nunca se sabe porque non sabemos que nos deparará o día de mañá.

“Cela aberta” é un relato moi breve. Vainos contar a historia dun home racional, un intelectual que vai verse pechado unha cela por cuestións políticas. Os seus captores xogarán con el como se fora un rato de laboratorio, levándoo a extremos que nin el mesmo podería imaxinar.

“Vertixes” céntrase nunha historia de amor e desamor, Daniel e Ana son os protagonistas da mesma. Contada dunha forma que ao principio pode desconcertar un pouco, alterando o tempo da narración e con continuas idas e vidas do presente ao pasado, descubriremos como nace, se desenvolve e remata esa relación.

“Escintileos” é a terceira narración do conxunto, unha historia de violencia, gardas civís, enfermos mentais e algunhas cousas máis. Contada tamén dun xeito orixinal e algo desconcertante tamén ao principio, chea de segredos e lugares escuros e cuns personaxes tan escuros como a trama.

Non podo dicirvos cal dos tres gustoume máis porque todos teñen algo que os fai especiais e distintos a moitas das cousas que teño lido ultimamente. Destacaría, sobre todo, a orixinalidade á hora de narrar, rompendo a liña habitual do relato e facendo que o lector teña que poñer un pouco máis da súa parte do que pode ser habitual nunha serie de relatos curtos. Iso non quere dicir que sexan complicados ou difíciles de entender, en absoluto, pero precisamente é necesaria a colaboración do lector para levalos a bo porto. Quizais o máis simple nese sentido sexa o primeiro, pero non por iso está por debaixo dos demais, en absoluto, aínda agora cando recordo a súa lectura póñenseme os pelos de punta e as sensacións que me deixa son bastante desacougantes, por dicilo dalgunha maneira. Todos teñen máis dun elemento que lles da unha certa orixinalidade, sobre todo, como dixen, pola forma de contar as historias. De todos modos podo garantir que a lectura de calquera deles non vos vai deixar indiferentes. Son historias negras, escuras, violentas e ao mesmo tempo bastante racionais, comprensibles e case cotiáns. É difícil non poñerse na pel dos protagonistas e pensar que reaccionaríamos dalgunha outra maneira. Sempre é sinxelo dicir “eu non faría iso”, pero é máis complicado pensalo con frialdade e ser capaz de poñerse de verdade nesas situacións límite que poden levarte a facer cousas das que non te crerías capaz en absoluto.

O estilo é directo e ao mesmo tempo moi sensitivo, é moi fácil imaxinar as situacións, sentir o mesmo que senten os personaxes e sufrir case o mesmo que pasan eles. A dureza das historias queda perfectamente reflectida nas palabras, nos recursos que usa o autor para comunicar eses sentimentos e todos eles chegan perfectamente ao lector, chegando a poñer os pelos de punta en máis dunha ocasión, sen chegar en ningún momento a situacións esaxeradas ou que poidan parecer incribles, quizais iso é o que lle da máis dureza ás historias.

Un novo autor dentro do panorama das letras en galego, para min unha lectura recomendable en varios sentidos. As historias merecen a pena, a forma de contalas gustoume moito e a súa brevidade axuda a darlle aínda máis intensidade. Espero ler pronto algunha cousa máis de Ignacio Silva, creo que non me vai decepcionar. Hai uns días, vendo unha serie de televisión, escoitei esta frase, que se pode aplicar perfectamente a calquera destes relatos: “Afortunado é o home que nunca tivo que enfrontarse ao que realmente é capaz de facer”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario