O autor da novela que vou comentar hoxe xa apareceu por aquí en varias ocasións, así que, de momento, é o que máis se repite nos meus comentarios. As súas novelas, dentro do xénero histórico e de aventuras, son sempre sinónimo de entretemento misturado con unha gran cantidade de datos moi ben metidos dentro da historia. Todas as súas novelas son moi amenas e, ao mesmo tempo, aportan ao lector unha boa cantidade de información, froito dunha gran labor de investigación pola súa parte, sumado ademais ao intento que realizou sempre por coñecer os lugares nos que se desenvolven as súas historias. Agora, de toda a súa produción, so me queda unha das súas novelas por ler, algo que me da un pouco de pena, porque era ao que acudía sempre que quería garantir unha boa historia. O autor do que falo é Gary Jennings e neste caso a novela é “El viajero”, publicada orixinalmente en 1984 (é a súa segunda novela) e reeditada no 2006.
Gary Jennings é un autor estadounidense. Naceu en 1928 en Buena Vista, Virginia. Parece que tivo unha vida curiosa, aínda que non hai moitos datos biográficos sobre el. Viviu en Nueva Jersey e graduouse na escola superior pero posteriormente non recibiu unha educación formal, senón que se converteu en autodidacta. Aos 17 anos traballou como mensaxeiro nunha empresa de publicidade e co tempo e as súas dotes rematou como executivo de contas. Serviu na guerra de Corea como reporteiro e concedéronlle a Estrela de Bronce, sobre todo polo traballo realizado en favor dos orfos de guerra. Cando volveu seguiu dedicándose á publicidade. Pero sempre quixo ser escritor, polo que a deixou e empezou a escribir a tempo completo. Marchou a vivir a México, onde pasou 12 anos recollendo información e escribindo a novela que comento. As súas novelas fixéronse moi famosas polos seus detalles históricos. Fixo grandes traballos de investigación antes de escribilas. Ademais do tempo que pasou en México recollendo información para varias novelas sobre os aztecas tamén viaxou aos Balcanes (viaxe do que sae a novela que comento hoxe, sobre as viaxes de Marco Polo) e pasou uns anos viaxando en compaña de varias compañías de circo mentres escribía “Lentejuelas”, unha novela sobre dous soldados que ao rematar a Guerra de Secesión empezan a traballar nun circo. Tamén é autor de varias novelas e relatos que podemos incluír dentro do xénero xuvenil publicados entre 1962 e 1975, que foron as súas primeiras obras. A serie de novelas sobre os aztecas está formada por tres libros, dous son completamente del e o terceiro foi publicado tras a súa morte, baseada en textos seus pero rematada por outro autor. “Azteca”, publicada no ano 1980 é a primeira, “Otoño Azteca” de 1998, é a segunda e esa terceira que non é enteiramente súa, “Sangre Azteca” é do 2002. Ademais das mencionadas outra das súas novelas, do ano 1992, titúlase “Halcón”, de tema histórico tamén. Morreu no ano 1999. Todas as súas novelas podedes atopalas na Editorial Planeta.
“El viajero” vainos contar a historia do famoso viaxeiro Marco Polo. En algo máis de mil páxinas asistiremos a todas as aventuras que pasou este personaxe na súa viaxe desde Venecia ata os confíns de Asia, chegando á India, entre outros moitos lugares. Para a súa redacción, ademais dun gran traballo de investigación e recompilación de datos, Jennings realizou persoalmente boa parte da mesma viaxe que realizou o personaxe orixinal. Marco Polo, un personaxe histórico nacido en 1254 e que faleceu en 1324, comerciante e explorador veneciano que xunto co seu pai e o seu tío realizou unha das primeiras viaxes de occidentais pola ruta da seda da China. Cando volveu desta viaxe, e tras unha batalla contra Xénova, foi apresado e en teoría, durante a súa estancia en prisión dictou a un tal Rustichello de Pisa as memorias da súa viaxe. Esta obra foi publicada no seu momento baixo o título de “Descripción del mundo”, tamén coñecida como “El Millón” ou simplemente como “Los viajes de Marco Polo”. Este foi escrito orixinalmente en provenzal e foi traducido a case todas as linguas europeas. O orixinal perdeuse, e consérvanse varias versións da súa tradución, en moitos casos contraditorias. Estas memorias foron consideradas por moitos contemporáneos como algo fantásticas e cheas de mentiras. No seu leito de morte, a familia de Marco pediulle que confesase que mentira, algo ao que se negou dicindo que so contara a metade do que realmente vira.
Pois isto é o que vai facer Jennings en “El viajero”, contar todo aquilo que Marco Polo non contou no seu libro orixinal, todas esas historias que o protagonista non chegou a contar no seu momento para que non o chamaran mentireiro e fantasioso. Así comeza a novela, co protagonista xa ancián falando co personaxe que transcribiu o libro inicial, dicíndolle que agora vaille contar absolutamente todo o que pasou nas súas viaxes para que el despois poida convertelo nunha novela cun protagonista ficticio, porque si xa é considerado mentireiro polo libro anterior, máis lle choverían as críticas agora que se decide a contar a historia completa e verdadeira. Empeza a historia na súa Venecia natal, cun Marco neno baixo a tutela dos seus criados, a súa nai morreu e o seu pai está de viaxe, así que crece nun ambiente onde o que menos hai é orde e disciplina. A súa familia de comerciantes xa é rica, e iso fai del un neno consentido, mimado e que cre que pode facer absolutamente todo o que lle veña en gana. Durante os seus anos de infancia e adolescencia métese en varios problemas, un deles lévao á cadea e a ser condenado ao desterro. Nese momento volven o seu pai, Nicolás, e o seu tío, Mateo, da súa viaxe por Oriente cunha carta do Khan Kublai para o Papa na que lle pide sacerdotes e xente ilustrada para que volvan con eles ao gran Imperio Mongol. Así que vistas as circunstancias nas que está o seu fillo terán que levalo con eles nesa nova viaxe ata a capital do imperio do gran Kublai. Tras moitas aventuras chegará a ser conselleiro do Khan e incluso o seu emisario en distintos destinos do vasto imperio, coñecendo a todos os pobos do momento, tratando e convivindo con eles. Este servizo ao gran gobernante mongol durou aproximadamente uns dezasete anos.
No estilo habitual deste autor asistiremos primeiro a eses anos de adolescencia de Marco, as súas aventuras e desventuras que o levarán a caer en desgraza diante do goberno de Venecia e provocarán a súa case obrigada saída co seu pai e o seu tío na embaixada destinada á capital do imperio mongol. A viaxe é longa e durante a mesma tomará contacto con gran cantidade de pobos, civilizacións, formas de vivir, paisaxes..., todo isto será retratado con perfección polo autor. Ademais sempre sen ser demasiado pesado nin descritivo, como sempre é capaz de introducir todos estes datos e situacións dentro do argumento, actuando cos personaxes principais e todos os que xirarán ao redor deles. Así chegará a coñecer al gran Khan Kubilai, o gran gobernante do interminable imperio mongol. Marco é un home arriscado e valente, que non se pensa demasiado as cousas e iso fará que ao principio haxa unha certa tensión con este personaxe, pero esa mesma valentía e sinceridade fará que se estableza entre eles unha relación de amistade e confianza que converterán a Polo nun dos máis achegados a el na corte e ao que lle encargará varias tarefas de gran importancia. Moitas destas tarefas farán que teña que viaxar moito máis, con encargos do Khan tanto militares como económicos. Isto fará que de novo o autor aproveite para contarnos os costumes e usos de todas esas terras e pobos. Realmente simpática e chea de humor, algo negro en ocasións, a temporada que pasa na India, unha das partes que máis me gustaron. A través do contacto con todos os que se van atopando coñeceremos á perfección a todos eses pobos, as súas formas de vivir, de morrer, as súas relixións (case sempre vistas desde a óptica subxectiva do protagonista, como case todo, claro), os seus costumes, como son as súas rúas, as súas casas por dentro e por fóra..., absolutamente todo. E como dixen dunha forma moi amena e en moitos casos moi divertida, que en varias ocasións rin a gusto mentres estaba a ler. Iso si, hai dous aspectos nos que se centra por riba de moitos dos demais. Por un lado coñeceremos perfectamente como se alimentan, que comen, como o preparan e as reaccións que provocan eses pratos nos personaxes principais, con gusto nalgúns casos e con asco noutros. Por outro lado os que teñan lido algunha das súas outras novelas saberán que os temas referidos ás relacións sexuais son algo explícito e habitual dentro das mesmas. Pois nesta non é menos, tamén vai contar todas as súas aventuras sexuais coas distintas mulleres de todos os pobos que se vai atopando nas súas viaxes, como son elas, como é o seu corpo e cales son os costumes sexuais de cada unha delas. Como sempre contado todo con claridade, so nun par de ocasións vólvese algo máis recatado e deixa de contar algunhas cousas, teredes que lelo para saber con quen e por que.
Para min unha lectura recomendable tanto polo entretemento que proporciona como pola cantidade de datos, uns máis interesantes que outros, que nos vai aportar en cada páxina. As súas algo máis de mil páxinas case podo dicir que se me fixeron curtas, disfrutei moito coa lectura e coas supostas aventuras deste personaxe. Digo supostas porque algunhas son completamente cribles, pero outras non o son tanto, aínda que case sempre dentro dun certo aire de verosimilitude pasada por unha certa esaxeración. Non so é unha lectura entretida, senón tamén divertida e interesante, tanto que a pesar da cantidade de información e de aventuras non se me fixo longa nin pesada en ningún momento. Ten ese estilo Jennings fluído e sinxelo pero cheo de matices, unha das formas de escribir máis cinematográficas que atopei nestes últimos anos, tanto que aínda non sei como é posible que ningunha das súas novelas fora levada ao cine ou convertida en serie de televisión, a verdade. Marco Polo, outro deses personaxes que nos deixa a historia, cunha mistura entre realidade e fantasía, pero atraínte ao fin e ao cabo. Conseguide o libro e facede unha das maiores e máis longas viaxes da historia, é o que teñen os libros...
No hay comentarios:
Publicar un comentario