É un autor nado en Barcelona en 1951. Pasou a súa infancia no barrio do Raval, onde descubriu a súa paixón pola lectura e a escritura na biblioteca municipal. Aos catorce anos comezou a traballar como aprendiz nunha imprenta (isto nótase na novela que comento) e logo tivo outros traballos que simultaneaba co bacharelato nocturno. Estudou Inxenieiría Industrial na Universidade Politécnica de Barcelona, ao mesmo tempo que compaxinaba estes estudios con varios e diversos traballos. Empezou a traballar para unha importante multinacional, realizando ademais un Máster en Empresariais centrado na dirección de empresas. O seu traballo fixo que residira e desenvolvera a súa actividade profesional en varios lugares de Estados Unidos e de España. De volta a Europa establécese en Madrid e será executivo de varias compañías. No ano 1996 decide retomar a súa paixón pola escritura, empeza a redacción da súa primeira novela, “Los muros de Jericó”, publicada no ano 2000, que foi reeditada no ano 2005 co título de “El retorno cátaro”. No ano 2002 publica a segunda, “Presagio”, baseada en feitos reais, ao redor do tema do enfrontamento entre a espiritualidade mexicana e a cultura americana. A terceira, “El anillo”, apareceu en 2004, finalista do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio; trata sobre a búsqueda dun tesouro templario e tivo un gran éxito tanto de público como de crítica, traducida a case todas as linguas europeas e algunha asiática. No ano 2007 aparece “La reina oculta”, gañadora do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio, a historia dunha dama, dous cabaleiros e tres enigmas que farán que o autor recree varios dos mitos da Idade Media. A que é obxecto de comentario hoxe é, ata o de agora, a súa última novela, “Prométeme que serás libre”, editada neste mesmo ano 2011.
Vainos contar a historia de Joan Serra de Llafranc, polo menos boa parte dela, as súas aventuras e desventuras, os seus amores e desamores, acompañado nalgúns momentos do seu irmán Gabriel. Vive coa súa familia no pobo que acompaña ao seu nome, na costa de Cataluña. Alí o seu pai, Ramón Serra, é un home libre que traballa como pescador e ten a súa propia barca, “A gaivota”, que será un símbolo desa liberdade que Ramón quere para el e toda a súa familia, que ningún dos seus teña que depender dun señor en ningún momento da súa vida. A vida é tranquila e boa para todos, pero esa tranquilidade vaise ver destruída en moi pouco tempo. Un día, nada máis comezar a historia, unha galera pirata achégase ao pobo, van atacalo, asasinando e secuestrando, sobre todo ás mulleres. O pai de Joan cae abatido por un disparo de mosquete, un arma case descoñecida para os atacados e que lles provoca un profundo temor. Os piratas matan a gran parte dos homes, que non están preparados para facerlles fronte, non teñen armas nin preparación. Joan ten que ver como a súa nai Eulalia e a súa irmán María son secuestradas polos piratas e levadas ao barco, sentindo unha gran impotencia por non poder facer absolutamente nada. O pai morre nos seus brazos, facéndolle prometer a Joan que fará todo o posible por ser un home libre e traer de volta con el a súa familia, custe o que custe, promesa que Joan fará e que será un dos núcleos centrais da historia, aínda que en moitos momentos nada sairá como el quere. Da familia queda el, o seu irmán pequeno Gabriel e unha irmá aínda máis pequena, un bebé, que morrerá ao pouco tempo. Ademais entre as que se levan os piratas está a súa mellor amiga, Elisenda, á que tamén quererá buscar cando saia do seu pobo. Ao principio tentará mobilizar á xente poderosa da súa zona para que lles axuden, pero ninguén quererá facer nada, nin os nobres nin a igrexa, o que lle vai provocar algúns problemas. Tantos que terá que marchar, e aparece nese momento un comerciante catalán afincado en Barcelona, Bartomeu, que será o que colla aos irmáns e os leve con el para entregalos a un mosteiro barcelonés, no que terán que quedar a vivir. Bartomeu será unha figura fundamental na vida de Joan, un mercador, entre outras moitas cousas, de libros, con negocios importantes en todos os portos do Mediterráneo. Cando chegan a Barcelona verán que a vida alí e moi distinta e ademais non son demasiado ben recibidos polos monxes, polo menos polos que mandan, envoltos sempre en conflitos polo poder e o diñeiro. Terán que poñerse a traballar se queren que a igrexa os manteña, pero a vida que levan alí a Joan non lle gusta nada. Gracias a Bartomeu comezará a traballar como aprendiz na librería da familia Corró, un mundo novo vaise abrir ante el, o mundo dos libros, das copias, da imprenta, das letras que descoñece e que van ser un descubrimento marabilloso que marcará boa parte do seu camiño... Non quero contar máis, isto é o que pasa nos primeiros capítulos, pero o mellor é acompañar a Joan en todas as cousas que lle van pasar, que van ser moitas; coñecer a gran cantidade de personaxes que van actuar con el, uns bos e outros malos, como ten que ser para manter o interese do lector, entre eles a figura da pequena Anna, que vai fascinalo desde un principio.
Son moitas as cousas que van pasar na súa vida e para min foi moi entretida a lectura de todas elas, non perdendo o interese en ningún momento. Unha das cousas que máis me gustou e que, polo que vin, destacan neste autor, é a forma de escribir, de contarnos todo. Ten un estilo moi áxil, sempre está a pasar algo e case non hai nada anecdótico nin de sobra, unha forma de contar que te engancha desde un principio. Ademais non segue, como outras, unha mesma liña, vanlle pasar moitas cousas e non todas esperables nin do mesmo tipo. Vai pasar por moitas situacións e vicisitudes, dándolle á historia uns cambios as veces sorprendentes, pero moi ben desenvolvidos. Por outro lado a temática dos libros, a paixón pola lectura ou a escritura, a imprenta, as copias e todo o que ten que ver co mundo do libro está tratado cun cariño fascinante, facendo que tomemos contacto cunha época, o Renacemento, que foi fundamental para cambiar a forma de ver a vida e a sociedade da Idade Media. Os personaxes están perfectamente definidos, son moitos e moi variados, e sempre teñen un papel importante dentro da historia. Ademais tamén hai que dicir que non é unha historia de excesivos personaxes como pasa noutras deste xénero, hai un núcleo central de dez u doce e poucos máis interveñen nos acontecementos. Por outro lado tamén é destacable que o personaxe central, Joan, non é o como case todos os protagonistas deste tipo de novelas. Quero dicir que non é un home a imitar, non é un conxunto de características positivas, non é sempre bo e actuando dun xeito , digamos, adecuado. Vai ter momentos nos que haxa unha loita entre o que ten que facer e o que cre que está ben ou non, e non sempre vai gañar o ben neses momentos. Quero dicir con isto que está máis cerca de ser un home real, con bos e malos momentos, con loitas internas ante certas situacións, torturado en moitas ocasións polas súas decisións. Non é tan plano neste sentido como outros protagonistas deste tipo de novelas. E moitos dos restantes tampouco, a maior parte deles non son nin moi bos nin moi malos, teñen os seus momentos, pero sempre actúan seguindo unha serie de razóns, xa sea para ben ou para mal.
Unha das cousas que máis me gustaron é a variedade de situacións, de momentos e de personaxes que interveñen na acción e nos acontecementos. Non ten unha liña marcada desde o principio e hai unha serie de cousas que posiblemente sorprendan ao lector, o que non está nada mal. Quizais esta sexa unha das razóns para que me gustara tanto e me entretivera algo máis que outras parecidas, porque precisamente ten unha serie de elementos que fan que sexa lixeiramente distinta, creo que é o seu maior mérito. Non vou contar nada máis do que dixen, porque penso que o mellor é tomar contacto con ela, ler e ir pouco a pouco vendo por onde vai o camiño de Joan Serra de Llafranc en busca da súa familia, da súa liberdade e dun camiño propio na súa vida. Cativoume por como fala dos libros, da súa redacción, da súa fabricación e o cariño co que o autor trata o tema, nótase que coñece o mundo da imprenta de primeira man. Pero non foi so iso o que me atrapou, senón que foi todo. Quizais unha cousa que non me gustou demasiado é que céntrase tanto no personaxe de Joan que botei algo de menos saber algo máis do irmán pequeno, Gabriel, que queda un pouco diluído na historia, sendo tamén un personaxe que creo que podería intervir algo máis, pero claro, é unha cuestión persoal, as súas razóns terá o autor para facelo así.
Creo que queda claro que é moi recomendable, sobre todo para os afeccionados ao xénero histórico. Para min foi unha verdadeira sorpresa e penso que temos en España unha serie de autores do xénero tan bos ou máis que moitos outros que veñen do estranxeiro e venden moreas de libros, tanto este de hoxe como Chufo Lloréns, Ildefonso Falcones e outros máis teñen méritos suficientes para estar entre os grandes autores de novela histórica, non so aquí, senón tamén fóra das nosas fronteiras. Así que tanto se vos gusta o xénero como se tedes dúbidas creo que deberiades lela, non creo que vos vaia decepcionar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario