“Decidín adoptar a Margueritte. Pronto celebrará os seus oitenta e seis anos, máis vale non agardar demasiado. Os vellos teñen unha lixeira tendencia a morrer.
Así, se lle pasa algo, non sei: caer ao chan na rúa ou que lle rouben o bolso dándolle un empuxón -aí estarei. Podería chegar enseguida e separar á xente do medio e dicirlle:
- Vale!, veña, xa está, agora liscade de aquí!, xa me encargo eu: é a miña avoa.”
A finais de agosto do ano pasado comentei neste blog unha película que me gustara moito por varias razóns. Cando saín do cine tiña na cabeza facerme coa novela na que se baseaba, pero a verdade é que non a atopei e logo foi algo que quedou algo esquecido. Recentemente chegou as miñas mans e non perdín a oportunidade de lela e, sobre todo, de gozar con esta lectura. Aínda que a adaptación cinematográfica é excelente, cousa que non soe ocorrer demasiadas veces, a lectura do libro foi toda unha experiencia e, aínda coñecendo a historia, non deixou de sorprenderme, emocionarme, sorrir e ata reprimir pequenas vágoas. Nun comentario que alguén me deixou da película dicía que “sensible” era a palabra que mellor a definía, é certo, pero a cantidade de sensacións que poden chegar a conseguir as palabras que nos contan a historia non se poden comprimir nunha soa, calquera que elixamos quedaríase curta. Falo dunha novidade recente por parte da Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste, “Tardes con Margueritte”, de Marie-Sabine Roger. Tamén podedes atopala en castelán en Duomo Editorial, do ano 2009.
Curiosamente custoume bastante atopar datos biográficos sobre esta autora, moi coñecida no seu país, pero parece que algo menos fóra del. É unha muller nacida en Burdeos (Francia) en 1957. Comeza a escribir a finais dos anos 90, deixando o seu traballo ata ese momento como profesora de educación infantil. A maior parte da súa produción son relatos curtos e libros ilustrados para nenos, neste apartado podemos falar case de cen obras, todas elas pensadas para este público. A novela que comento hoxe publicouna no ano 2009, co título orixinal de “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza en barbeito”, que reflicte perfectamente a historia que nos vai contar, logo me explicarei algo máis. Practicamente é a súa primeira obra pensada para uns lectores algo máis adultos, logo publicou dúas máis pensadas para este tipo de lectores que espero que aparezan nalgún momento por aquí, gustaríame lelas.
É a historia de Germaine Chazes e a muller que vai cambiar a súa vida, Margueritte. É un home que vive nun pobo francés, non é demasiado intelixente ou iso parece, pero o que realmente lle falta é cariño, amor, sentimentos, vivencias que por unha serie de razóns non tivo e que vai ter a raíz do seu encontro con esta entrañable velliña que lle vai ensinar tal cantidade de cousas que nunca llo poderá agradecer como merece. En ningún momento da súa vida tivo a alguén que realmente se encargara del, que o dirixira, que lle ensinara todas as cousas que son necesarias para vivir como unha persoa chea. A súa nai, como el di, naceu sen instinto maternal e a súa relación con ela sempre foi complicada, por dicir algo, case podemos dicir que foi unha relación inexistente. Non coñece ao seu pai, é froito dunha relación dunha noite, cousa que ela recordaralle sempre. Nunca foi moi espabilado, no colexio tampouco ninguén tivo a paciencia suficiente para lle ensinar algo. Vive traballando no que pode, sendo branco de bromas por parte dos seus amigos, sobre todo por esa falta de intelixencia que ten, pero o que máis lle falta é intelixencia para captar e desenvolver as súas emocións. Vai ao bar e charla con Marco, Julien ou Landremont..., pero iso non é vida. A súa nai está na casa familiar, mentres el vive nunha caravana que un antigo noivo dela deixou alí, incapaz de convivir con ela baixo o mesmo teito. Ten o costume de ir ao parque e sentarse nun banco a contar pombas, ás que ata lles pon nome para poder identificalas e distinguilas. Pero un día, no seu banco, atopa unha muller maior e ponse a falar con ela, é Margueritte; é entón cando vai descubrir todo o que ata ese momento perdera, sobre todo porque ninguén quixo encargarse de ensinarllo. A súa vida vai cambiar, a súa forma de ver as cousas tamén, vai descubrir non so os libros e as palabras, o dicionario...; o maior descubrimento de todos serán os sentimentos, o amor con maiúsculas e unha serie de cousas que farán que a súa vida e sobre todo a forma de ver as cousas que o rodean cambie radicalmente. Gracias a ela vai pensar en cousas que antes nin se lle pasaran pola cabeza, incluso a relación que mantén con Anette, unha moza do pobo coa que se ve de vez en cando cambiará de tal xeito que pasará case de ser un pobre home a medias a un home completo.
O título do orixinal francés paréceme perfecto, Germaine non é un parvo, non é unha persoa moi intelixente, pero a falta de atención e cariño durante toda a súa vida fai que sexa un pouco máis lento que os demais e sobre todo máis directo, menos delicado, cunha forma de ver a vida un tanto especial. A súa cabeza e o seu corazón están descansando, esperando, repousando ata que alguén poña a semente para que xermine nun terreo perfecto para facelo. Cando Margueritte pon esas cosas na cabeza e no corazón de Germaine todo crece e se desenvolve tan rapidamente que todos os que están ao seu redor non poden crer o que ven, o gran cambio que se produce nel e non so a un nivel cultural, senón sobre todo desde un punto de vista persoal, comportándose dun xeito que descoñecen e facendo cousas que moitos non crían que puidera facer, pensar ou dicir.
Xa dixen no seu momento que a película pareceume espléndida, chea de sentimento e sensibilidade sen caer para min en ningún momento en tópicos nin en tentar conseguir a vágoa fácil. Agora que lin a novela creo que é unha máis que boa adaptación do texto escrito, a idea central está presente na cinta e o desenvolvemento da mesma segue bastante ben a historia que lemos. So lle vou atopar un par de carencias, que non defectos, porque sempre temos que ter claro, polo menos eu, que unha cousa é a novela, a palabra escrita e outra a película, o visual; non é sinxelo moitas veces levar as palabras á imaxe. A novela reflicte perfectamente como Germaine descobre as palabras e o seu significado, que é o que máis chama a atención na película, pero é marabilloso ler os significados no papel das palabras que Germaine descoñece e que vai metendo nos seus diálogos diarios. Unha das primeiras cousas que Margueritte regálalle é un dicionario, así no texto cando aparece unha palabra que non coñecía, imos ler tamén a súa definición, como deixando claro que a partires dese momento vai saber usala. Na cinta parece que todo o proceso de cambio de Germaine é gracias ás palabras e á lectura, e outras cousas quedan un pouco máis diluídas no argumento. Na novela isto tamén é fundamental, pero o cambio do protagonista ven sobre todo por como o trata Margueritte, por como fala con el, pola paciencia que ten. O fundamental é iso, que fala con el, tenta entendelo, comprendelo e ensinarlle cousas que ata ese momento non coñecía. Descúbrelle o mundo dos sentimentos pola xente, polas cousas, polos actos, por todo o que está ao seu redor e, sobre todo, que el tamén é unha persoa como as demais, que pode facer o mesmo e que pode ser incluso mellor que moitos dos que o rodean. Non vai facer del unha boa persoa, porque iso é algo que xa estaba nel, pero ela saberá como sacar todo o que Germaine ten dentro, que é moito. O mellor da novela e ir lendo como sa vai producindo ese cambio, porque ademais é algo perceptible a medida que un le, a forma de redactar, de falar, de pensar do protagonista vai cambiando a medida que avanza o texto, xenial.
Nótase que é unha autora que escribiu moito para nenos. A forma de plasmar todos eses sentimentos e sensacións é fantástica. Hai liñas e liñas que merecen a pena, que quedarán gravadas na mente do lector e recordara máis adiante. O xeito de falar e de comportarse de Germaine vai cambiando e o lector asiste a ese proceso de cambio, de xerminación, case de nacemento dun home que pasou de pasmar polo mundo a formar parte activa del. Está escrito cunha delicadeza case maxistral, cunha linguaxe e unhas imaxes que chaman a atención e que farán que máis dunha vez un sorriso asome aos nosos beizos, e noutras ocasións a emoción será tamén moi grande, facendo que unha pequena bagoa, normalmente de felicidade, apareza tamén. Os dous personaxes centrais teñen tantas cousas dentro de si mesmos que é imposible que o lector non se sinta a gusto con eles e desexe que todo saia ben para ambos.
Non quero facer unha comparación, nada máis lonxe da miña intención e direi que ambas merecen moito a pena, é máis, se un xa viu a película debería ler a novela, e viceversa. E se non fixeches ningunha das dúas cousas animádevos, estou seguro de que non vos vai decepcionar e incluso ides aprender algunhas cousas sobre vós e os que vos rodean, igual que Germaine. E penso tamén que non é so recomendable para lectores adultos, queda anotada como unha posibilidade de lectura para o curso seguinte, penso que algún dos meus grupos vai lela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario