lunes, 23 de mayo de 2011

"Noah Barleywater escapa da casa", de John Boyne

“Alí había cores que nunca antes vira; cores que nin sequera sabería nomear. Á man esquerda había un reloxo de madeira que estaba pintado non de verde exactamente, senón dunha cor que querería ser verde se tivese algunha imaxinación. E por alá, a carón do lapiseiro, había un xogo de taboleiro cuxa cor predominante non era vermella, senón outra cor que faría que o vermello tivese envexa e arroibase de vergonza ante o seu propio aspecto triste. E as letriñas de madeira, en fin, alguén diría que estaban pintadas de amarelo e azul, pero só o dirían sabendo que unhas palabras tan simples serían un horrible insulto para as cores daquelas letras”


Isto é un fragmento do libriño que vou comentar hoxe, un dos moitos que podería escoller pola súa orixinalidade á hora de xogar coas palabras, pola capacidade que ten para nunhas poucas letras transmitir tantas cousas, pola súa sensibilidade, por moitas cousas... Está extraido da última novela de John Boyne, “Noah Barleywater escapa da casa”, editada en galego por FaktoriaK como unha auténtica primicia, xa que aparece antes en galego que en castelán, unha nova felicitación para esta editorial galega sempre preocupada de ofertar produtos interesantes e atrainte para os lectores galegos. Por certo, traducida a esta lingua por Carlos Acevedo. É evidente que falamos dunha novidade de recente saída ao mercado editorial neste mesmo mes de maio.

John Boyne é un autor que xa apareceu por aquí en dúas ocasións, así que a recensión biográfica xa a fixen no primeiro deses comentarios, por iso non a vou repetir. No comentario de “O motín da Bounty” xa aparecía o título desta de hoxe, que ata o momento, é a súa última novela. Como sempre penso que ten unha sensibilidade especial á hora de escribir, unha forma de redactar que sabe transmitir sentimentos dun xeito moito mellor que outros moitos autores, provocando sempre no lector unha morea de sensacións de moi diversos tipos. Neste caso pasaremos por momentos de gran alegría, de profunda tristura, risas, caras de sorpresa..., moitas cousas contidas en pouco máis de duascentas páxinas, que non está nada mal. Outra cousa que me sorprende deste autor é a forma que ten de tratar aos nenos nos seus libros. Sempre recordo unha frase do famoso director de cine Alfred Hitchcok, creo, que dicía que negábase a traballar con nenos e animais, porque era a cousa máis complicada e imprevisible que había. Boyne converte a nenos en protagonistas das súas historias e consegue sempre reflectir nenos reais, sen caer en demasiados tópicos, sen facelos demasiado listos nin demasiado repipis nin parvos, non, son nenos case de verdade que falan como o faría un neno ao noso redor calquera día; tampouco son supernenos que son capaces de saír de calquera problema, e aínda meténdoos en mundos de fantasía como esta novela de hoxe, parecen sempre de carne e oso.

A historia é sinxela, pero non por iso pouco complexa. Noah Barleywater, o protagonista, é un neno de oito anos que decide escapar da casa. O seu obxectivo é ter algunha aventura e facer algo importante na súa vida. Así un día, moi de mañá, sae da casa, deixando atrás aos seus pais e emprende un camiño que vai estar cheo de sorpresas e algunhas dificultades. Pensa que nos seus oito anos de vida xa tería que ter feito algo máis, xa que fixo unha lista dos seus logros, que se reducen a cinco, o que lle parece moi pouco para “tantos anos”. Ao fin, leu catorce libros enteiros, gañou unha medalla de bronce nunha carreira de cincocentos metros, sabe cal é a capital de Portugal, é o sétimo máis listo da clase e é un fenómeno coa ortografía. Eses cinco puntos parécenlle demasiado pouco, así que esa mañá sae da casa en busca de aventuras, botando so unha pequena ollada cara atrás para ver por última vez a súa casa e a cheminea botando fume. Pero cando sae dese mundo “normal” e emprende o seu camiño vai entrar noutro mundo completamente distinto, onde todo cobra vida e nada é o que parece. A súa viaxe vai ter lugar por tres pobos, aínda que no que pasará máis tempo será no terceiro. Pero xa ao principio empezará a ver cousas que non teñen nada que ver coa súa realidade. Árbores que se moven sós, noticias que aparecen nos diarios ao momento de producirse, cans salchicha que falan ou burros cunha fame incontrolable. No terceiro pobo atopa unha xogueteira e nela a un velliño que será co que pase máis tempo. Noah contaralle algunhas das cousas da súa vida e da súa nai, o centro da súa vida, ao xogueteiro e o vello contaralle a Noah boa parte das que el pasou na súa longa vida. Este será o núcleo da historia, e non vou desvelar máis, teredes que lela.

A min encantoume a historia, tanto por como está contada (dun xeito fascinante) como polas cousas que conta e o que fará pensar ao lector. Non teño claro se é unha novela infantil, xuvenil ou para adultos ou se é as tres cousas ao tempo. Dependendo do lector teremos unha lectura distinta, axeitada, penso eu, para calquera dos tres grupos de idade. Un neno terá diante unha historia máxica onde todo cobra vida e ten algo que dicir. Os xoves poderán profundar un pouco máis en moitos aspectos e penso que poderá facelos reflexionar sobre varios temas e daralles máis dun consello e orientación para algunhas cousas da súa vida. Pero tamén penso que quen poderá sacarlle todo o contido á historia será un lector adulto, que non pasa nada por ler cousas fantásticas e aparentemente sinxelas, porque de sinxelo non ten case nada aínda que o pareza. Un lector de certa idade poderá comprender perfectamente a historia, con sorpresas que no quero nin debo desvelar, pero seguro que cando a rematedes un sorriso a medio camiño entre a sorpresa e a satisfacción quedará no rostro do lector. Ademais conseguirá que moitos dos lectores fagan unha viaxe á súa xuventude e ás lecturas que fixeron naquel momento. Con isto non quero dicir, teño que avisalo antes, que sexa unha copia de nada, senón que as sensacións e sentimentos que me provocou a lectura recordáronme a moitos dos que hai tempo que non tiña cun libro, aqueles que aparecían hai anos cando lía novelas de autores como Michael Ende, “Alicia no país das marabillas” e moitos dos contos da nosa infancia. Ten tanto deles como de orixinalidade, por iso digo que en ningún momento quero que se extraía deste comentario que falo de imitación ou inspiración nesas novelas de hai tantos anos, non, falo de sentimentos, das sensacións que tiña naquela época e que esta lectura de Boyne trouxo de novo a min, a verdade é que foi xenial.

Gocei moito desta lectura e queda entre os libros que volverei ler nalgún momento e dos que recomendarei a moita xente, tanto aos que teñan fillos e fillas como aos que non, creo que todo o que se considere un bo lector debería sacar un momentiño para ler esta novela, que ten moito máis contido que páxinas. Como moitos sabedes dedícome ao ensino dentro das materias de letras, cada ano chegan a nós as editoriais con novidades para que os nosos alumnos e alumnas lean. A maior parte delas, subxectivamente falando, non me gustan demasiado, son excesivamente sinxelas e simples, aínda que sempre hai algunha excepción, pero de verdade que en moitas ocasións é complicado elixir algo que realmente mereza a pena. Esta de hoxe podería ser das máis que recomendables para calquera dos grupos, case seguro que lles ía gustar a todos e daría pe para moitas reflexións, debates e conversas sobre a vida de Noah Barleywater e a súa fuxida da casa, as razóns que o van levar a facer isto teredes que descubrilas vós mesmos coa lectura das súas aventuras e desventuras.

2 comentarios: