martes, 10 de mayo de 2011
"El factor humano", de John Carlin / "Invictus"
A relación entre o cine e a literatura sempre foi e será moi estreita, moitas películas parten de novelas, con resultados desiguais en ocasións, pero moitas veces interesantes. Isto ven porque hoxe vou comentar un dous en un, unha película e unha novela na que se baseou a mesma, aínda que xa adianto que a película céntrase nos feitos que forman o núcleo da novela e non en toda ela, porque sería realmente complicado. A película é “Invictus”, sei que non é recente e aínda sendo un fan incondicional de Clint Eastwood, no seu momento non puiden vela no cine, así que a vimos hai pouco en casa, encantoume. A novela na que se basea é “O factor humano”, do periodista John Carlin, que acabo de ler recentemente, e que tamén me gustou moito. Tras estas dúas experiencias penso que se hoxe me fan a típica pregunta de a que personaxe famoso gustaríame coñecer non dubidaría na resposta, Nelson Mandela, ten que ser unha experiencia inesquecible e impactante, a verdade.
Non vou comparar en absoluto novela e película, penso que non é o mellor que se pode facer. A cinta parte dos feitos fundamentais da novela, pero esta é moito máis complexa e extensa, mentres que a película céntrase no tema do rugby e Mandela como forma de unir de novo a unha nación dividida e enfrontada por moitos sitios. A novela é unha crónica dunha época histórica realmente dura e nese sentido a historia de todo ese proceso que pasou Suráfrica durante a estancia no cárcere de Mandela e a súa posterior liberación e chegada ao poder é moito máis interesante e aclaratorio que a historia que escolleu Eastwod e a súa maneira de contala. Creo que nesta ocasión ambos productos merecen a pena e deberían lerse con pouca distancia no tempo, cada un que elixa o que prefire antes, a letra escrita ou a imaxe.
John Carlin é, fundamentalmente, periodista. Naceu en Londres en 1956, fillo de pai escocés e nai española. Estudiou na Universidade de Oxford Lingua e Literatura Inglesas, pero desde sempre amosou unha forte inclinación polo periodismo. A súa carreira como tal comezou en 1981 traballando para o “Buenos Aires Herald” e, posteriormente, foi corresponsal en países como México, O Salvador, Suráfrica e Estados Unidos; traballando para a BBC, “The Times”... Gañou o Premio Ortega e Gasset de periodismo no ano 2000. Entre as súas obras podemos destacar “Heroica tierra cruel” (2004) onde reúne crónicas e reportaxes realizados durante a súa estadía en Suráfrica ou “Los ángeles blancos” (sobre o Real Madrid de fútbol e os seus xogadores). Vive en España desde 1998, traballando para o diario “El País” e colabora habitualmente con “The Observer” ou “The New York Times”. “El factor humano”, publicada no ano 2008 en máis de quince países con gran éxito, tanto de crítica como de público, xa que permaneceu durante bastante tempo nas listas dos máis vendidos. Nela vai reflectir, entre outras cousas, todo o seu traballo nos anos que estivo de corresponsal en Suráfrica, entre o 1989 e 1995. Como curiosidade comentar que no ano 1997 escribiu un artigo titulado “Adeus ás armas” sobre a guerra da información e internet, que ía converterse un guión cinematográfico, suspendido tras o ataque ás Torres Xemelgas. Anos despois este artigo foi a base de “Jungla de Cristal 4”, a película da coñecida saga de acción protagonizada por Bruce Willis. De todos modos o propio Carlin recoñece so unha certa fidelidade ao seu artigo nesta cinta.
O título orixinal desta novela é “Playing the enemy: Nelson Mandela and the game that made a nation”, que viría a ser algo así como “Xogando co inimigo: Nelson Mandela e o xogo que construíu unha nación”, simplificado na súa edición española simplemente como “El factor humano”. Para escribilo partiu non so da súa experiencia como periodista nese país durante seis anos, senón tamén dunha serie de entrevistas que fixo entre o ano 2000 e o 2007 a case todos os protagonistas políticos e deportivos da historia neses anos. Así imos ter coñecemento de todo o que pasou antes, durante e despois da estadía no cárcere de Mandela. Todos os movementos políticos, sociais, militares e deportivos deses anos vistos desde todos os ángulos e perspectivas dos grupos da época. O apartheid en Suráfrica foi algo tremendo e que podería derivar nunha auténtica e cruenta guerra civil que podería ter durado ata hoxe, pero no medio apareceu a figura de Nelson Mandela, preocupado so por atopar vías de convivencia pacífica no seu país para rematar dunha ver por todas coas inxustizas. Veremos como, en 1985, Mandela sae do cárcere cunha idea central na cabeza, conquistar a todos na súa rede de perdón e de paz, de esquecemento, dun novo comezo sen ter en conta nada do sucedido antes. El era un dos moitos que podería ter na cabeza unha revolución violenta, unha guerra contra os que os oprimiran durante anos, maltratado, segregado e tratado como se foran auténticos animais. O problema é que non tiña que convencer so aos que se opoñían a el, senón aos seus propios compañeiros de raza, xa que moitos deles querían unha auténtica vinganza contra os brancos, unha vinganza contra anos de violencia, de asasinatos, de opresión brutal. O bo é que todos tiñan medo, foran brancos ou negros e Mandela tiña que convencelos a todos, cos moi distintos bandos que había en cada lado, de que tiñan que esquecelo todo e partir de cero. Unha das cousas que usou para conseguir ese obxectivo foi o rugby e o equipo nacional sudafricano, integrado case exclusivamente por brancos e que a poboación autóctona de Suráfrica non consideraba como nada seu. É máis, cando xogaban contra equipos doutros países animaban aos rivais e non ao equipo sudafricano. Pero esa foi outra das súas conquistas, con moita sabedoría, paciencia, control e perdón conseguiu algo que parecía imposible, unha transición pacífica cara a unha situación dunha certa convivencia tras anos e anos de enfrontamentos. Sabía que tiña que conseguir que se uniran buscando un elemento emocional e atopouno no deporte, conseguindo o seu obxectivo. De todos modos a novela de Carlin non está centrada nestes feitos, senón que aparecen moitos máis. Imos coñecer perfectamente a situación antes deste milagre, todo o que pasou mentres Mandela estaba no cárcere e os abusos e a violencia eran continuos e todo o que pasou tras a súa saída e o seu nomeamento como presidente.
Dicir que non é exactamente unha novela, é máis unha crónica narrada polo autor partindo das súas propias experiencias e das entrevistas que mantivo con moitos dos implicados nese momento histórico e en todo o que pasou. Desde ese punto de vista é unha narración, sen diálogos, un pouco seca e concisa a veces pero sempre interesante e apaixonante. A cantidade de personaxes é moi grande, porque moitos foron os que desde varios sitios, momentos e puntos de vista interviñeron en toda esa historia. Veremos como Mandela, dunha maneira ou doutra, foi conquistándoos a todos con seu magnetismo, a súa calma e capacidade para facer que a xente vira as cousas dunha maneira completamente distinta á que tiñan orixinalmente. A min pareceume un relato moi interesante, ameno en moitos momentos e moi emocionante noutros. A conclusión que podo sacar é que é unha pena que so haxa un Mandela, porque con algúns máis como el moitas situacións internacionais poderían rematar dunha maneira moito mellor para todos.
No que se refire á película de Clint Eastwood está centrada so na parte na que Mandela usa o rugby e o Campionato do Mundo como unha forma de conseguir o seu obxectivo, unir a todos. Nese sentido é moito máis simple que a novela de Carlin, xa que sería imposible abarcar todo o que o autor cóntanos. Pareceume unha película magnífica, con esa habitual calma e sensibilidade de Clint Eastwood, con esas tomas habituais nel e o piano soando de fondo en moitas escenas. A interpretación de Morgan Freeman é impresionante, cravando ao verdadeiro Mandela en todos os sentidos, un actor que sempre me pode sorprender e con tal cantidade de rexistros que fai del un dos imprescindibles. Matt Damon da vida ao capitán dos Springboks, François Pienaar, moi ben tamén nese papel dese home sobre o que recae a responsabilidade de levar ao equipo á vitoria, sabendo que eses partidos son moito máis que un mero xogo, xa que Mandela encárgase de facerlle saber o que pode conseguir. Pareceume unha película estupenda, cun montón de escenas que se te quedan gravadas, desas que logo dan para falar e falar sobre unha escena, unha frase ou un diálogo. De todos modos quédome cun par de escenas case ao final que resumen case todo con esa mestría e simplicidade das que neste momento so me parece capaz este director. Mentres se celebra o partido un rapaz negro ronda un coche con dous policías brancos mentres recolle botellas. Nun primeiro momento os policías bótano de malos modos, pero a medida que avanza o partido vaise achegando pouco a pouco a eles, son escenas duns segundos pero que marcan un momento, ata que ao final acaba sentado no capó do coche, escoitando o partido con eles e celebrándoo ao final, pareceume realmente xenial.
Podería estenderme máis, pero penso que xa foi bastante. Creo que co dito xa está claro que ambas, novela e película, son moi recomendables, eu case as cualificaría de imprescindibles para os que lle guste a novela, a historia, o cine... Penso que son a novela e película que mellor poden exemplificar o tema do perdón, un perdón incondicional cun obxectivo, a convivencia pacífica. Moito se podería aprender de todo isto.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Interesante e meritorio exercicio crítico, moi atinado nas reflexións entre o cinema e a literatura. Os meus parabéns!
ResponderEliminar