Sempre me gustou ler tebeos e cómics, cando era máis novo sempre tiña un a man, compartíndoo, iso si, con algún libro, que na variedade está o gusto. Chegado certo momento os meus gustos inclináronse polos superheroes, e creo que lía case todo o que saía do xénero, non vou listalos aquí porque sería demasiado longo, pero penso que dos que había naquel momento non houbo un que non lera. Agora os leo menos, a verdade, non por ningunha razón en concreto, sobre todo por unha cuestión de tempo, porque seguen a gustarme. Desde hai uns anos moitos destes personaxes xa clásicos están pasando ao cine, en xeral con adaptacións decentes, unhas mellores que outras, unhas máis entretidas, pero a verdade é que non deixo pasar ningunha. De momento gustáronme practicamente todas e algunha xa apareceu comentada por aquí. Ven esta introdución ao comentario de última película que vimos no cine, estreada recentemente, e á que lle tiña ganas, a verdade, e non me decepcionou en absoluto, “Thor”.
Cando fan estas adaptacións sempre me entra un pouco de medo. A razón é que moitos dos directores ou guionistas pretenden converter un xénero de entretemento nun cine profundo, serio, como se quixeran darlle transcendencia e importancia aos personaxes para facelos algo máis “serios”. Penso que neste tipo de cine debe primar o entretemento, a espectacularidade e a acción, aderezada con algúns momentos de humor leve, non nos esquezamos de que son cómics, nada máis e nada menos. Tamén é certo que os orixinais en papel nalgunhas ocasións tamén se converteron niso (na miña xuventude non eran así), con disquisicións morais sobre a responsabilidade do heroe, a súa alma torturada por non poder levar en moitas cousas unha vida normal e todo ese tipo de elementos case filosóficos. Esta liña xa non me gusta tanto, pero que lle imos facer. Claro que o personaxe desta cinta, Thor, ten case implícito un carácter serio, non deixa de ser o fillo do deus Odín e non un mutante calquera. A verdade é que non era un dos meus favoritos, quizais porque era demasiado serio e formal, pero tamén era dos que lía bastante. Ademais naquel momento unha das cousas que máis quería neste mundo eran ou o escudo do Capitán América ou Mjolnir, o martelo de Thor, que os dous eran unha pasada...
Creo que é dos poucos superheroes que eu considero clásicos que faltaban na gran pantalla (xunto co Capitán América, pero creo que esta ten xa estrea en salas en breve). Cando lin que a película ía dirixila Kenneth Branagh a verdade é que me entrou un pouco de medo. É un actor e director que me gusta moito, aínda que hai un tempo que non sabía demasiado del. Especializado desde os seus principios en interpretar ou dirixir adaptacións de Shakespeare, sempre con moi bos resultados. Non tiña ningunha dúbida da súa capacidade, pero o que me daba medo está relacionado co que comentaba un pouco máis arriba, coa idea de que quixera convertela en algo demasiado serio e transcendental. Está claro que ter ideas preconcibidas é malo, porque neste caso equivoqueime. A verdade é que, dentro do xénero, pareceume unha das mellores adaptación que teño visto ata o momento, sobre todo porque conxuga perfectamente a seriedade da historia dos deuses e todos iso con certos momentos cómicos (case todos esperables dentro da historia pero que resultan divertidos e rompen un pouco coa seriedade da historia) ben introducidos. Nótase a súa man e nunha entrevista que lin hai pouco preguntábanlle se non pensaba que dirixir unha película deste xénero non era como rebaixarse un pouco, ao que el contestaba que por suposto que non (tamén, que ía dicir, que si...), que ata nunha historia como esta había elementos que podían recordar os dramas e as obras de Shakespeare que tanto lle gustan, e é certo, ata ten un certo ton de obra clásica en moitos momentos.
A historia non é nada complicada, por suposto. Como en todos os casos, esta primeira (porque se supón que haberá máis, aínda que so sexa a aparición do personaxe na película de “Os vingadores”) é unha especie de presentación do personaxe de Thor, das súas capacidades, carácter e de como chega á Terra, porque é fillo dun deus; neste caso non é un heroe resultado dunha mutación, dunha explosión de raios solares ou raios gamma ou calquera das explicacións habituais dos cómics. Thor e Loki son os dous fillos de Odín e viven en Asgard, un dos sete reinos que están baixo o seu mando e protección, entre os que tamén se atopa a Terra. Os xigantes do xeo son os grandes inimigos do reino, cos que agora están en paz, pero cos que loitaron encarnizadamente hai tempo. Odín xa está algo maior e Thor será o seu sucesor, pero en plena coroación deste como rei aparecen varios xigantes do xeo para tentar roubar a reliquia que lles da o seu maior poder. Os invasores son eliminados, pero a coroación interrómpese. Thor é un home con forte carácter, sempre con ganas de loitar e sobre todo de acabar con eses inimigos o máis pronto posible. Odín pensa todo o contrario e o seu obxectivo é manter a paz, polo que se ve obrigado a frear ao seu fillo na súa sede de vinganza e loita. Pero Thor non lle fai caso e viaxa a través da Ponte do Arco da Vella ao reino dos xigantes para pedir explicacións por esa invasión imprevista acompañado de catros dos seus mellores amigos e do seu irmán, Loki. A batalla comeza, pero aparece Odín e interrompe a loita. Xa en Asgard Thor é condenado ao desterro por desobedecer unha orde directa so seu pai, e por iso é enviado á Terra sen poderes divinos e sen Mjolni, o martelo forxado a partir dunha estrela caída e que acrecenta o seu poder. Terá que quedarse nela ata que sexa digno de empuñar de novo o martelo e ser perdoado polo seu pai. Na Terra atoparase cunha serie de personaxes que o axudarán, sobre todo coa investigadora Jane Foster e os seus amigos.
No esquezamos o tipo de cine que estou a comentar. Desde este punto de vista pareceume unha boa película, moi ben feita, moi entretida e moi espectacular. As case dúas horas que dura pasáronseme con bastante rapidez, o que sempre é bo sinal, pero xa aclarei que son fan incondicional deste tipo de cine. A historia transcorre en dous mundos, unha parte en Asgard e a outra na Terra. A parte terrestre é máis suave, entretida e lixeira en todos os sentidos e cumpre perfectamente ese papel. A que transcorre en Asgard é espectacular, o deseño de case todo é impresionante e xa sei que agora coa tecnoloxía dixital poden facerse marabillas, pero non deixa de asombrarme e sorprenderme. Ten momentos realmente bos e incluso orixinais tendo en conta todo o que levamos visto noutras películas. Queda moi clara a diferencia entre o mundo dos deuses e o dos homes, dous mundos completamente distintos. No dos deuses prima a formalidade e a imaxinación, ata as formas de falar e de comportarse son diferentes con respecto á Terra. Mentres o reino dos xigantes do xeo é un lugar frío, escuro e tenebroso, non en van son os personaxes malvados da historia.
En canto aos actores, fronte a outras adaptacións, neste caso para o papel protagonista elixiron a un actor practicamente descoñecido, pero que penso que recrea perfectamente ao personaxe. Mantén bastante ben a idea de seriedade do fillo dun deus cando está en Asgard e ese aire de estar como un polbo nun garaxe cando se atopa na Terra, cun físico deses que impresionan. Co traxe, a capa vermella e o martelo nas súas mans parecíame estar a ver a portada de infinidade de cómics que pasaron polas miñas mans. Chámase Chris Hemsworth, e en plan cotilleo é a actual parella de Elsa Pataky. Ademais deste soen sempre aparecer neste tipo de películas unha serie de actores máis coñecidos, quizais para darlle tamén un certo aire de produción seria. Neste caso temos á última gañadora do Óscar á mellor actriz por “Cisne negro”, Natalie Portman, interpretando a Jane Foster, a investigadora que se atopará sen querelo con Thor e todo o que el trae consigo. O papel de Odín déronllo a Anthony Hopkins, un dos meus actores favoritos e que aquí mantén a imaxe de todopoderoso, de pai férreo e duro, pero que ao mesmo tempo sabe que está a facer o mellor polo seu fillo. E xunto a eles outros actores máis ou menos coñecidos, pero todos están bastante ben.
Cine de entretemento puro e duro, pero moi ben feito, por riba de moitas outras producións que buscan estes mesmos obxectivos. Gustoume moito, recoñézoo, pero tamén que son un fan case incondicional deste tipo de personaxes e de cine. Para os afeccionados aos superheroes é imprescindible, non penso que ningún a deixe pasar e estou case seguro de que lles vai gustar. Non é necesario coñecer ao personaxe ou ser afeccionado a estes heroes para poder disfrutar da historia, estou case seguro de que se ides vela poderedes pasar un bo rato, moito mellor que con outras cousas que andan pola carteleira ultimamente. Recomendable e creo que engadiría que debe verse no cine, porque na pantalla do televisor vanse perder moitas escenas espectaculares, por mencionar so unha por exemplo, a cabalgada pola Ponte do Arco da Vella, pero podería mencionar varias máis. Impresionante a imaxe do personaxe de Heimdall, o garda da Ponte. E esta fin de semana queredes ir ao cine, pasar un bo rato e non tedes claro por que optar podedes ir ver esta, creo que non vos vai decepcionar.
Nota: e se ides non marchedes da sala ata rematar todos os títulos de crédito, como en todas estas deixan para despois unha pequena escena final como un adianto do que vai vir na seguinte ou seguintes películas. Faise un pouco pesado porque é unha boa espera, pero os que foron ver as anteriores xa saben que isto pasa sempre.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario