viernes, 17 de diciembre de 2010

Novidades editoriais

Non é que estea vago estes días ou que vaia deixar de lado o blog, o que pasa es que como en todo hai épocas nas que tes máis tempo que en outras e non é este mes precisamente o mellor para dispor de demasiado tempo libre porque hai que adicalo a outras cousas. Así que en breve volverei aos comentarios habituais, tanto de televisión como de libros, que teño un par deles para facer, pero cando teña algo máis de tempo. Así que este de hoxe vai ser algo distinto pero sempre relacionado co tema. Vou mencionar nada máis catro ou cinco novelas que teño en lista de espera, todas elas novidades editoriais, e que aparecerán pronto comentadas por aquí, pero tamén de paso poden servir como recomendacións para cando un non saiba que regalar  nestas festas que están a punto de chegar. Espero que vos sirvan e que esperedes con ganas os futuros comentarios sobre as mesmas.


null

 


 


 


A primeira é unha obra bastante esperada dun autor máis que coñecido e recoñecido, ademais é a que empecei a ler onte, levo pouco, así que de momento non vou dar unha opinión, pero de momento estáme a resultar atractiva, xa veremos por onde vai. Falo de “El cementerio de Praga”, de Umberto Eco. Cen mil exemplares vendidos en Italia nunha semana dan idea do esperada que era esta nova novela de Eco. Eu teño que dicir que calquera novidade súa sempre me asusta un pouco, porque non sei que autor vou atopar. O que segue o estilo de “El nombre de la rosa”, algo penso que máis fácil de ler ou entender ou o de “Baudolino” por exemplo, que teño que dicir que me resultou algo incomprensible e pesada, tendo sempre en conta que isto é algo completamente persoal, claro. Nesta vainos contar a historia do capitán Simonini, un experto falsificador que desenvolve a súa e aventuras no século XIX e con moitos personaxes históricos e feitos rodeando a súa vida. As críticas que lin falan dunha gran obra que une erudición e datos históricos con entretemento de xeito moi equilibrado, xa vos direi se a miña opinión vai polo mesmo lado ou non.


nullnull

A segunda é a nova novela dun dos meus autores favoritos, dos que leo absolutamente todo o que publica, aínda me quedan algunhas, poucas, das primeiras, pero van caendo pouco a pouco. Falo de Paul Auster e “Sunset Park” que ademais de en castelán na súa editorial habitual tamén podedes atopala en galego publicada ao mesmo tempo por Galaxia (e que será a que lea porque tiven a sorte de que fora un regalo recente). Recoñezo que en ocasións é un autor algo “deprimente” pero tamén penso que case sempre hai algo que fai que non o sexa tanto, sempre vexo un algo de esperanza, de optimismo debaixo desas historias tristes as veces, estrañas outras e fascinantes case todas elas. Aparte das historias penso que a forma que ten de usar a linguaxe é algo maxistral e poucos autores conseguen impresionarme tanto nese sentido como el. Neste caso cóntanos a historia de Miles, un home de vinteoito anos que vive sumido na culpa por provocar a morte do seu medio irmán. Tras andar por aí volve a Brooklyn (un dos escenarios centrais e favoritos do autor) onde vivirá de ocupa antes de enfrontarse co seu pai. A últimas das súas obras, “Invisible”, non me atrapou demasiado, a verdade, aínda que teño intención de volver a lela nalgún momento, pero a historia desta paréceme que si vai ser desas que me gustan, xa veremos.


null

 


 


 


Outra novidade editorial en galego de FaktoriaK tamén está dentro das lecturas inmediatas, “Mal de pedra” dunha autora italiana que se chama Milena Agus. Unha historia publicada en Italia no ano 2006 coa que gañou o Premio Elsa Morente. É unha autora que descoñecía e esta é a súa segunda novela, pero pola historia e polos datos que lin penso que tamén é bastante apetecible. Unha historia curta pero intensa. Nela unha moza recorda a vida da súa avoa, unha muller especial cunha vida especial, romántica e chea de ilusión pero que ten que casar cun home ao que non quere. Tamén aparecerá o comentario por aquí en breve.


null

 


 


 


 


E a última é unha novela que podemos incluír dentro do xénero histórico, e tamén das que non transcorren na Europa da Idade Media nin con temas de cristiáns, musulmáns ou xudeus. Falo de “Nueva York”, unha longa historia que ten como autor a Edward Rutherfurd. Este é un autor ao que coñecín xa hai anos cando alguén que sabía a miña afección por este xénero regaloume unha novela que se chamaba “Londres”, unha das historias máis entretidas que teño lido dentro deste xénero, interesante, amena, ben documentada e que resumía (por dicilo dalgunha maneira) en moitas páxinas a historia completa da cidade de Londres. Pois neste caso é algo parecido, pero cambiando a cidade inglesa por unha das cidades que penso que máis chaman a atención de case todo o mundo, que moitos non coñecemos directamente pero si polo cine e a televisión e que moitos, penso eu, quereríamos visitar nalgún momento, a cidade de Nueva York. É un autor ao que lle encanta xogar con historias longas, moitos personaxes e situacións, e polo menos na que lin manexaba isto con auténtica mestría. A historia comeza case no século XVI, cos indios americanos, a chegada dos colonos, a guerra da Independencia, a construción do Empire State... Un proxecto que me parece moi ambicioso, pero que penso que pode solventar con ben, porque sempre se documenta moi ben e sabe ser entretido ao mesmo tempo que interesante. Xa veremos.


Pois nada, ata aquí este post de hoxe algo distinto ao habitual, pero que espero que tamén vos resulta interesante e vos dea algunha idea se non sabedes que regalar nestas festas. De paso tamén vos animo a lelas, así despois poderedes aportar as vosas opinións.

1 comentario: