Cando lin que un dos, para min, mellores guionistas de series de televisión relacionadas coa ciencia ficción e as aventuras pasábase ao cine pensei en que outros moitos fracasaron neste paso, aínda que parecidos son mundos distintos. Na televisión, por ser series longas, podes traballar máis as cousas, ser menos directo e darlle máis voltas; no cine tes que tentar concentrar as cousas en pouco máis de dúas horas de proxección e iso, para unha persoa acostumada as temporadas das series televisivas pode non ser sinxelo. Por outro lado falamos dunha persoa que ata certo punto revolucionou algo este mundo das series. Falo de J. J. Abrams, ao que moitos coñecerán sobre todo por dúas producións televisivas con gran cantidade de seguidores en todo o mundo, “Perdidos”, e “Fringe”, ambas entre as miñas favoritas (de paso recomendo encarecidamente a terceira temporada desta segunda que menciono, realmente boa, chea de sorpresas e xiros inesperados). Creo que podemos consideralo un dos renovadores da ficción en terras americanas e cunha forma de facer as cousas bastante persoal e recoñecible en moitos aspectos. A súa primeira incursión no cine como director foi “Misión Imposible 3”, para min unha película fallida e que no tiña moitas cousas que destacar. Pero a estrea da nova versión de “Star Trek” no 2009 creo que foi moito máis atinada, renovando un clásico e dándolle un aire novo. Esta nova película como director conta ademais cun guión escrito por el mesmo (non como nos casos anteriores) e nótase a súa man e a súa mente en moitos dos aspectos da película, ten ese aire Abrams que como digo pode verse nas súas series. Conta ademais coa colaboración na produción dun dos directores que penso que máis fixeron polo cine de ficción e entretemento e que hai tempo que non nos deixa nada novo, falo de Steven Spielberg. Nada malo podía saír desta unión entre un director que podemos considerar xa case como un clásico do cine moderno e outro que pode recoller a testemuña pero poñendo algo propio no que fai.
A historia é bastante simple. Joe é un rapaz cuxa nai acaba de falecer nun accidente na fundición na que traballaba, ademais o seu pai é un dos policías do pobo. Ten un grupo de amigos moi afeccionados ao cine, sobre todo Charles, que soña con ser director. Por esa razón os cinco amigos están metidos na dirección dunha película de zombis para participar nun concurso de cine para directores novos. Eles encárganse de todo, dirixir, actuar, maquillaxe..., coa súa pequena cámara de super 8. A todo isto a acción transcorre no ano 1979, perfectamente ambientada non so polos lugares onde transcorre, senón tamén por unha banda sonora de temas da época moi coñecidos, de aí tamén que non usen tecnoloxía dixital nin nada moderno, a época marcará a forma de facer as cousas e o título da mesma. A primeira cinta que gravan terá que ser vista varios días despois, o que tardan en revelala nunha tenda de fotografía (algúns aínda recordarán isto). Convencen a unha rapaza, Alice, para que se encargue de darlle o toque feminino á produción. Unha noite saen a gravar algunhas escenas a unha estación de tren, e chegada de un será o marco ideal para desenvolver a escena, pero nese momento unha camioneta impacta contra o ferrocarril e desátase un tremendo accidente (as imaxes do mesmo son realmente espectaculares) que traerá consigo o fío central da historia. Algo viaxa nese tren, non sabemos que é, pero si que empezarán a pasar cousas estrañas e misteriosas, desaparicións e a intervención, como non, dos militares tentando esconder algo. Durante o accidente a cámara cae ao chan, pero a filmación seguirá e parte do que pasa quedará recollido nesa cinta. Se queredes saber que é teredes que ir vela, eu non penso contalo.
A historia non é nada orixinal. Do mesmo modo advirto que xoga con moitos tópicos e lugares comúns do cine deste tipo. Podemos atopar momentos relacionados con películas clásicas como “ET”, “Encuentros en la tercera fase” e a historia do neno que queda orfo de nai cun pai que queda pechado en si mesmo e non se preocupa demasiado do seu fillo é outro elemento máis que visto. Nalgunhas críticas lin, antes de vela, que moita xente falaba dela como unha posta ao día dunha cinta que moitos recordarán, “Los Goonies”, un clásico do cine de aventuras protagonizado por grupos de amigos adolescentes. En certo modo podemos vela así, pero so en canto á idea do grupo de protagonistas e as aventuras, esta de hoxe paréceme algo máis seria, cando “Los Goonies” tiña máis un aire simpático e divertido con algúns momentos de tensión. Non quero que se vexa isto como un aspecto negativo da cinta, porque para min non o é. Certo que quizais se bote en falta algo máis de orixinalidade e as veces ten un a sensación de ver cousas que xa viu antes varias veces, pero o mérito é que esa mistura quede máis como unha homenaxe que como unha imitación. Aínda así o desenvolvemento da mesma, a historia, o plantexamento e a dirección danlle un aire o suficientemente decente como para que mereza a pena.
Quizais o mellor da historia, ademais da dirección, sexan os actores. É desas cintas nas que os actores non son case coñecidos, pode soarnos algunha cara, pero non hai grandes nomes. Todos os personaxes que encarnan ao grupo de adolescentes protagonistas parecéronme realmente bos, a pesar de que nalgún momento deume a impresión de que a dobraxe ao castelán estragaba algunha escena soando algo forzado e pouco natural, pero so en certos momentos. Os dous personaxes centrais, Joe e Alice, gustáronme moito, moi naturais e expresivos e convencendo realmente ao espectador do que están a facer. Tampouco podía faltar neste tipo de grupos o chico “excéntrico”, neste caso afeccionado ao lume e ás detonacións, Cary, que é o encargado de relaxar os momentos de tensión ou perigo coas súas ocorrencias e saídas. O resto, fóra deste grupiño, tamén cumpre perfectamente, demostrando que non hai que ter actores de renome para facer algo decente e ben interpretado. Outra cousa que destacaría é que ten un aire de película dos anos oitenta, con efectos especiais simples, nada demasiado espectacular, axudando así aínda máis a darlle credibilidade ao desenvolvemento da trama. Ese aspecto de película de hai anos gustoume moito tamén e penso que tiña que destacalo.
A min, aínda que me recoñezo seguidor deste tipo de cine, pareceume unha película destacable, interesante, entretida e recomendable. Avalada por Abrams e Spielberg, como dixen ao principio, non podíamos esperar algo malo ou aburrido. É cine de entretemento pero cunha certa calidade, con algúns momentos orixinais a pesar de manexar, como dixen, moitos momentos comúns do cine de aventuras. Non creo que lle sobre nada e tampouco que lle falte, cumpre co que promete sen pretender pasar á historia do cine, deixando un bo sabor de boca no espectador. Agora teredes que ir vela, a ver se vos convence tanto como a min, xa mo diredes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario