As dúas novelas
anteriores do autor de hoxe apareceron por aquí ao pouco tempo de
empezar con este blog, alá polo mes de marzo de 2010. Non podía
deixar pasar a terceira, de moi recente aparición no mercado
editorial e esperada cunhas certas ganas por parte dos lectores
habituais do xénero. De momento está a ter boas ventas e as
críticas son de todo tipo, como soe suceder. A min gustoume por
momentos, noutros non tanto e creo que repite en demasiados momentos
esquemas das anteriores, sen engadir demasiadas novidades, así que
me gustou algo menos que as outras dúas. O autor é Ildefonso
Falcones e a novela que nos acaba de deixar é “La reina descalza”,
editada por Grijalbo.

Sevilla, 1748. Caridad é
unha escrava negra que chega ao porto de Cádiz tras unha viaxe desde
Cuba na que acompaña ao seu amo. Pero na travesía este morre e
antes de facelo entrégalle un documento no que lle da a liberdade.
En Cuba dedicábase a traballar co tabaco, cunha dura vida de
escrava, obrigada a deitarse co seu amo, que entregaba aos seus
fillos tras o nacemento. Agora está soa en España, sen saber moi
ben a onde ir nin que facer coa súa vida. Unha muller triste, calada
e taciturna, tan acostumada a recibir ordes que non se ve capaz de
facer case nada por iniciativa propia. Animada por un sacerdote que a
ía con ela na viaxe acaba en Sevilla, buscando o Convento dos
negros, un lugar no que cre que poderán axudala. Pero a súa chegada
a Sevilla é practicamente secuestrada por un home que a obriga a
prostituírse, levando unha vida moi parecida á que levaba en Cuba.
Todo cambia cando coñece a Melchor Vega, un patriarca xitano, seco,
serio e cabeza da familia Vega. Para el dedicarase a traballar co
tabaco co que contrabandea e a cantar, algo que a Melchor lévao a un
mundo cheo de paz e de sentimentos. Pero ademais coñecerá a
Milagros Carmona, unha rapaza xitana que será unha das que
conseguirán que a vida de Caridad dea un xiro e cambie, pasando a
considerarse cada día máis unha persoa. Vivirá no barrio de
Triana, onde están confinados todos os xitanos de Sevilla,
dedicándose de forma legal ao traballo da forxa e de forma ilegal
sobre todo ao contrabando de tabaco, un xénero que está controlado
por completo polo Estado. Milagros Carmona é a neta de Melchor, unha
rapaza vital, alegre, gran bailarina e cantante que ademais de
dedicarse a ir por Sevilla nas festas a ler a boaventura á xente
tamén actúa coa súa familia en festas de nobres da cidade. Está
namorada de Pedro García, un amor imposible, xa que os Vega e os
García son dúas familias que están enfrontadas dentro do mundo dos
xitanos. Melchor Vega pasou unha boa tempada nas galeras condenado
por culpa dos García, algo que nunca lles poderá perdoar. Así que
vive dentro dun amor imposible moi preto duns Romeo e Xulieta
xitanos. Ao redor deles outros personaxes de maior ou menor
importancia, desde Ana Vega, unha xitana con gran carácter,
orgullosa da súa raza e nai de Milagros, ata fray Joaquín, un crego
sevillano namorado perdidamente de Milagros. Todos eles conformarán
unha historia chea de desgracias, violencia e drama que van a máis a
medida que avanzamos na lectura. Todo comeza coa orde do Rei de
España de meter no cárcere aos xitanos, separando a familias e
levando aos homes a un sitio a ás mulleres e os nenos pequenos a
outro. Iso fará que Caridad estea, de repente, soa, perdida e con
poucas expectativas, sen saber que facer. Pero todo irá cambiando
pouco a pouco, separacións, reencontros e todo tipo de situacións,
unhas máis inesperadas que outras.
Estamos ante unha novela,
como no caso das dúas anteriores, que non é, para min, exactamente
unha novela histórica, aparece dentro do xénero de ficción
histórica. Transcorre a mediados do século XVIII e circula ao redor
de moitos datos reais, pero os personaxes e o desenvolvemento da
historia é ficción, non hai un so personaxe con certo peso dentro
da historia que responda á realidade. Por suposto que iso non é
ningún defecto e é de destacar o traballo de investigación do
autor sobre varios aspectos da historia. Por un lado o tema dos
xitanos, que son os auténticos protagonistas da historia. Atoparemos
datos sobre a súa forma de vida e os seus costumes, aínda que creo
que nalgúns momentos pode caer en certos tópicos ou lugares comúns
e tampouco é que se aborde demasiado en profundidade a vida deste
pobo. Se é interesante toda a persecución por parte das autoridades
que sufriron naquela época, os encarceramentos, as prohibicións de
realizar moitos tipos de actividades e incluso de viaxar, os castigos
e a violencia que se exerceu sobre eles. Na novela moito máis
reflectido no mundo das mulleres que no dos homes, que son as
auténticas protagonistas da maior parte dos feitos que nos vai
contar. Interesante tamén todo o que nos aporta o autor sobre o
mundo do tabaco, xa un monopolio estatal naquela época. O cariño
con que Caridad trátao, tócao ou traballa con el. O contrabando,
levado polos xitanos na súa maioría, pero tendo detrás á igrexa,
que é a que puña o diñeiro e consumíao na súa maior parte, sen
ter que pasar polos estancos estatais. Tamén aporta datos, en menor
medida, sobre os teatros do XVIII, o seu funcionamento e como eran as
funcións, que gustaba e que non, quen os levaba e como era a vida
dalgúns dos actores. A vida en Madrid en 1750 tamén será outro
aspecto sobre o que teremos bastantes e interesantes datos. Nese
sentido toda esa información resultoume atractiva, aportoume cousas
que descoñecía e está bastante ben introducida dentro da historia.
No que se refire á
historia en si non terminou de gustarme completamente, é máis,
pareceume algo excesivamente simple. Nas dúas novelas anteriores
algúns comentarios dicían que unha das cousas que lles gustaran
menos era que as desgracias que lle sucedían aos protagonistas eran
continuas, quizais demasiadas para ser cribles, demasiado
concentradas nunhas poucas persoas. Pois nesta creo que pasa o mesmo
pero levado a un punto un pouco máis alto. Nalgúns momentos parecía
estar a caer no folletín puro e duro, nas desgracias e na violencia
un pouco sen sentido, en levar as cousas a extremo demasiado
extremos, chegando a resultar excesivo, polo menos desde o meu punto
de vista. Hai certos momentos, sobre todo a mediados da historia, que
parecen algo esaxerados e incluso innecesarios para o transcorrer da
historia. Poucas son as alegrías que teñen os personaxes, sumidos
nunha vida chea de decepcións e tristezas, moitas delas ademais
esperadas xa polo lector, quizais deixa demasiadas portas pechadas a
algunha sorpresa e como lectores imos esperando case todo o que vai
pasando.
Ademais tendo en conta o
título a protagonista central parece ser Milagros Carmona, pero para
min non foi o personaxe que máis me gustou. Engadiría antes tamén
que algúns non están tan desenvolvidos como outros, a pesar de ser
importantes, outro aspecto que non me convenceu demasiado e no que me
pareceu que a historia afrouxaba un pouco. As veces non están tan
claras as motivacións de algúns e algunhas deles para facer o que
fan, o que pode desconcertar un pouco ao lector, ou parecerlle que os
actos que realizan poden ser algo esaxerados ou desmedidos para o que
sabemos deles. De todos modos gustáronme moito dous dos personaxes
centrais e parte da historia que se centra neles dous foi a que, con
diferencia, máis me gustou de toda a novela. Creo que Melchor e
Caridad comen a todos os demais, cada un coas súas característica e
a súa forma de actuar fixeron que tivera ganas de seguir lendo,
cousa que non sei se pasaría se faltaran ou a súa participación na
historia fora menor.
“La reina descalza” é
unha lectura máis ou menos entretida. Non chega a facerse pesada ao
longo das súas algo máis de setecentas páxinas aínda que creo que
ten momentos moito mellores que outros e nalgúns o autor alóngase
demasiado. Non chegou, en xeral, a atraparme como os dous anteriores
aínda que si o fixo algo máis que outras do mesmo xénero. Caridad
e Melchor, como dixen, parécenme o mellor da historia, a parte que
máis me gustou e que atraeu, chea de matices e de bos momentos. A
outra parte, a historia de Milagros a algún dos outros personaxes
non o fixo tanto, non me resultou atrainte ou interesante, quizais
algo máis tópica e esperada. A novela lese con agrado, pero creo
que está algo por debaixo das súas dúas historias anteriores.
Recomendable para pasar un bo rato e, iso si, saber máis dunha cousa
interesante sobre a vida do século XVIII.