Hai uns meses un amigo que sabe que son un bo lector díxome se lle podía buscar unha novela da que lle falaran moi ben. Claro que el so sabía que era dun autor xaponés e que era algo dun gato; non eran demasiados datos, pero buscando por internet en pouco tempo conseguín descubrir de que se trataba. Hai pouco me acordei dela e decidín lela, entre outras cousas porque de paso que investigaba vin que todos os comentarios que había sobre ela eran moi bos, e tamén que falaban de que era un dos autores máis recoñecidos do seu país. A verdade é que me gustou bastante, algo distinto ao habitual, pero curiosa, entretida e con moito contido. La novela é “Son un gato” e o autor Natsume Söseki.
Natsume Kinnosuke é o nome real deste autor, nacido en Tokio en 1867 e falecido na mesma cidade en 1916. Os seus pais eran funcionarios públicos e aos dous anos de idade entregárono en adopción a un dos seus criados. En 1884 matriculouse para estudar Arquitectura na Universidade Imperial de Tokio, aínda que acabou estudando Lingua Inglesa. Dous anos despois coñeceu ao poeta Masaoka Shiki, que o introduciu na composición de “haikus” (tipo de composición poética tradicional xaponesa, son poemas moi breves normalmente con temas relacionados coa natureza) e neste momento cambia o seu apelido literario polo de Söseki. Unha vez licenciado traballou como profesor de inglés, ao principio na súa cidade natal e logo na Illa de Shikoku, destino que algún dos seus amigos considerou como case un desterro polo lonxe e abandonada que estaba esa zona. Aí estivo dous anos e varias das súas experiencias co alumnado aparecen reflectidas nunha das súas obras máis coñecidas, “Botchan” (1906). Logo recibiu unha beca da Universidade de Tokio para estudar inglés en Londres, onde pasou tres anos, sobrevivindo a duras penas á falta de diñeiro e a soidade, aínda que lle valeu para tomar contacto con obras de moitos escritores ingleses. Á volta traballou catro anos na cátedra de Filoloxía Inglesa da Universidade Imperial, traballo que non lle satisfacía e ocupando todo o seu tempo libre en escribir. A súa obra literaria comezou con relatos breves de carácter cómico e satírico por entregas que se publicaron en algunhas revistas literarias; estas deron lugar en 1905 á súa publicación nun so volume co título de “Son un gato”. En 1906 escribiu “Botchan”, que se considerou a súa primeira novela, con gran éxito de crítica; nela conta de forma case biográfica as experiencias dun profesor de Tokio que ten que ir traballar a provincias. A partir de aquí escribe case unha obra por no, case sempre co tema do enfrontamento e a mistura entre os costumes orientais e os occidentais que se producía en Xapón; en todas elas domina o ton sarcástico e crítico. En 1908 aparece outra das súas novelas máis importantes, “Sanshiro”. Aos 40 anos empeza a escribir artigos e críticas literarias no diario máis importante do seu país. Neste mesmo periódico publicouse por entregas entre 1912 e 1913 “O camiñante”, unha obra máis madura e cun forte compoñente psicolóxico nos seus personaxes. De 1914 é “Kokoro”, que se considera a súa obra máis importante e unha das claves da literatura xaponesa. É un dos escritores máis importantes de Xapón, de obrigado estudio nas escolas.
“Son un gato, aínda que non teño nome. Non sei onde nacín. O primeiro que recordo é que estaba nun lugar sombrío e húmido, onde me pasaba o día mallando sen parar. Foi nese escuro lugar onde por primeira vez tiven ocasión de poñer os meus ollos sobre un espécime da raza humana. Segundo puiden saber máis tarde, tratábase dun exemplar do máis perverso, un shoshei, un deses estudantes que soen realizar pequenas tarefas nas casas a cambio de comida e aloxamento [...] Unha vez que me acostumei a esta novidosa perspectiva, tiven ocasión de estudar tranquilamente o seu rostro. O sentimento de estrañeza aínda permanece en min hoxe en día. En primeiro lugar falarei da súa cara: polo que eu sabía, as caras de todo bicho vivinte soen estar cubertas de pelo. Sen embargo, a súa estaba lisa e pulida como a superficie dunha teteira [...] O centro do seu rostro estaba ocupado por unha enorme protuberancia con dous buratos no medio polos que, de cando en vez, emanaban pequenos penachos de fume; algo que considerei certamente abafante e amolador...”
Este é un extracto do principio da novela. O gato é o protagonista, que rematara vivindo de casualidade cun grupo de xente do máis curioso e estraño. Chegará a unha casa dunha familia de clase media xaponesa formada por un profesor, a súa muller e as súas tres fillas. Aí, case como un moble ao que case ninguén ten en conta, convivirá con eles e será unha testemuña muda, para eles, pero non para o lector, da vida diaria deste grupo, unha vida que o gato entende a duras penas e incluso critica en máis dunha ocasión. É un animal tan prescindible para a familia que non terá nome en ningún momento da súa vida, ao contrario que algúns dos gatos e gatas que viven nas casas que están preto. A novela transcorre na súa maior parte dentro da casa, onde o gato vainos contar o día a día dos seus habitantes e dos amigos e coñecidos que os visitan, tan estraños como eles. Nalgún momento sae da súa casa e explorar a zona, pero pouco, e tomará contacto con outros gatos, como Kuro, o gato do carreteiro, con moita máis agresividade e confianza que o noso protagonista, que nin sequera é capaz de cazar un mísero rato. A familia está presidida polo mestre Kushami, un profesor de inglés hipocondríaco e feble, sempre con problemas médicos e empezando cousas que nunca rematará, compoñendo poemas que le aos seus amigos e sempre cheo de proxectos que rematan fracasando case antes de comezar. Ao seu lado a súa muller, as súas tres fillas pequenas e a criada da casa serán o centro das observacións e críticas do noso gato. Xunto con eles dous personaxes principais máis. Meitei, o mellor amigo do profesor, que se planta na súa casa cando lle apetece case como se vivira alí, un personaxe irritante que sempre ten algo que dicir, veña ou non a conto e que sempre tenta quedar por riba de todo o mundo e levar as conversas por onde el quere. Outro dos habituais é Kangetsu, un rapaz discípulo do dono da casa, inmerso en investigacións ridículas, tentando rematar unha eterna tese que lle dea o doutorado que desexa. Ademais temos á familia Kaneda, uns veciños ricos cunha filla en idade casadeira que parece ter unha relación dalgún tipo con Kangetsu. Este é o núcleo central, poucos personaxes máis hai e a maior parte do relato discorre ao redor das conversas destes personaxes dentro da casa do mestre.
Narrador e protagonista ao mesmo tempo e case filósofo o gato funciona como unha testemuña que nos vai contar todo o que ve, opinando ademais sobre todas esas cousas e cuestionando boa cantidade delas, sobre todo de comportamentos que lle parecen ridículos, esaxerados, fóra de lugar ou, en algunhas ocasións, simplemente incomprensibles. Un humor entre negro e sarcástico domina todo o relato, centrado nunha sociedade que vive en plena influencia dos costumes occidentais dentro da pechada sociedade xaponesa, unha sociedade que está a cambiar cara a outros camiños distintos aos ancestrais que mantiñan. O relato está cheo dun humor fino nalgunhas ocasións e groso noutras, pero é imposible non manter un sorriso durante a lectura. Os comentarios do gato sobre estas situacións son directos, case como puñaladas contra moitas situacións e comportamentos. Veremos como sempre as cousas comezan cunha conversa entre varios dos personaxe que parece que vai aportar algo serio pero sempre deriva cara as palabras e opinións máis ridículas e histriónicas que poidamos imaxinar; e nalgúns casos ao lector resultaralle inimaxinable o lugar a onde van esas charlas nas que todos teñen algo que dicir, aportar ou opinar, aínda que non valga para nada, non aporte nada ou non teña nada que ver co que se empezou a falar o co que se está a dicir nese momento.
Pareceume un bo relato, entretido e curioso, quizais nalgún momento poida derivar a situacións demasiado ridículas, pero está sempre dentro da intención dun autor que pretende ser moi crítico coa sociedade na que vive. Unha boa novela, distinta a moitas das miñas lecturas habituais pero que me gustou bastante, o suficiente para ler algunha das súas outras novelas, que penso que seguen esa mesma liña entre crítica e sarcástica. Recomendable desde o meu punto de vista, sobre todo nese sentido de tomar contacto con outras literaturas que teñen bastante que dicir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario