Hai novelas que te deixan
un gran gusto tempo despois de telas rematado. Son esas que disfrutas
mentres les y logo máis, cando as recomendas ou comentas. Alá por
maio de 2010, a pouco de empezar con estes comentarios, deixei unha
recensión sobre a última novela naquel momento de Julia Navarro,
“Dime quién soy”, que me gustara pero menos do que esperaba. É
unha autora que figura entre esas que sempre leo en canto sae algunha
novidade, as súas historias poden gustarme mais ou menos, pero
sempre ten algo que dicir e aportar. Case tres anos despois apareceu
nas librerías a súa nova novela e pronto pasou a ocupar un dos
primeiros postos na miña lista de pendentes. O título é “Dispara,
yo ya estoy muerto” e de entrada xa vos digo que é a novela desta
autora que máis me gustou.
Neste caso voume aforrar
a parte biográfica, xa que desde que apareceu o meu último
comentario pouco máis podo engadir, aparte da publicación desta
novela de hoxe, que está a ter, como todas as súas, un bo éxito de
ventas e tamén de crítica.
Marian Miller traballa
para unha ONG e prepara unha investigación sobre os asentamentos
xudeus en Palestina. Entrevistarase cunha serie de persoas, pero
seguramente en ningún momento esperaba atopar a historia que
escoitará de dúas partes distintas, aínda que será a mesma vista
desde dúas ópticas que, neste caso, non é que sexan demasiado
distintas, senón máis ben complementarias. A novela comeza cando
vai falar co ancián Ezequiel Zucker, que será un dos elementos
centrais do argumento. A través del empezaremos coñecendo a
historia do seu avó e todo o que viviu antes e despois de chegar a
Palestina. Samuel Zucker vivía en Rusia e dedicábase ao comercio de
peles xunto co seu pai, sobre todo con París, a onde viaxaban
habitualmente. Como o seu apelido indica son de procedencia xudía e
en certo momento as cousas no seu país póñense complicadas, co que
se ven obrigados a marchar. De alí a París e Palestina, onde tomará
contacto con Ahmed Ziad, ao que comprará unha parte das súas terras
e onde se asentarán como agricultores, sempre compartindo tanto o
traballo como os froitos do mesmo coa familia palestina á que sempre
se sentirán unidos. A través destas dúas familias veremos como vai
avanzando a convivencia e os conflitos en Palestina co tema dos
asentamentos xudeus como base. A historia comeza a finais do XIX e
irá avanzando ata o momento actual, pasando por todos os momentos
históricos fundamentais do século XX e centrándose, sobre todo, no
conflito entre xudeus e palestinos. Iremos vendo como, sobre todo a
partir do final da Segunda Guerra Mundial, algo que parecía non
demasiado complicado vaise torcendo a causa da cantidade de xudeus
que chegan e compran terras. Marian coñece de antemán a historia da
familia Ziad e case todo o que pasou nela e na vida diaria cos
Zucker. Ambas familias sempre unidas por uns fortes lazos de
amistade, de traballo e cunha relación que tenta estar por riba de
outro tipo de problemas, pero esa boa relación chegado certo momento
ten que romper por imperativos sociais, relixiosos e políticos.
Alternando ambas historias, a que Marian cóntalle a Samuel e a que
el cóntalle a ela coñeceremos perfectamente todo o que pasou entre
eles e todos os que xiran ao seu redor.
A novela quere ser un
canto ao entendemento, á idea de que a convivencia debería de ser
posible como o é no pequeno horto que os Zucker e os Zian constrúen
ao principio. Alí as cousas sempre foron sinxelas e todo tiña unha
solución falando ou tentando que as cousas non foran a máis. Ao
longo do tempo as familias foron crecendo, foron chegando novos
membros, matrimonios, fillos e demais, pero sempre tentaron manter
unha mesma liña de convivencia, sobre todo gracias á relación que
se establece entre Samuel e Ahmed, dous homes que veñen de dúas
culturas e relixións distintas pero cunha mesma idea, a convivencia
e a paz sempre é posible. Claro que non contaron con que hai cousas
por riba deles que non poden controlar e que poden romper esa idea
que ambos teñen.
A historia transcorre
sobre todo entre Rusia, Palestina e París, en distintas épocas e
momentos históricos. Moitos dos personaxes participarán nos
acontecementos máis importantes do século en maior ou menor medida,
pero quedo coa parte que transcorre durante a Segunda Guerra Mundial,
ben coñecida por todos, pero que neste caso nos deixa unha historia
tremenda e que aparece como moi real ante o lector. Quizais, para
min, este sexa un dos grandes méritos da novela. A pesar de ser
consciente de estar a ler unha historia de ficción en máis dun
momento tiña a impresión de que moitos dos momentos que estaba a
ler poderían ser reais, ter sucedido case tal cal estaba a lelos. En
medio de todo isto historias de amor e de desamor, de fortes
amistades que se ven truncadas por cuestións políticas, mortes e
nacementos, fortes enfrontamentos entre grandes amigos e, sobre todo,
moita violencia que os personaxes importantes da novela non acaban de
entender e que para eles nunca é xustificable.
A verdade é que me
gustou moito esta última novela de Julia Navarro, como dixen ao
principio a que máis me gustou desta autora. Creo que consegue unha
historia que te atrapa desde o principio, tanto polo que está a
contar como pola forma de contalo. Esa alternancia entre as dúas
historias fai que creza o interese, que descubras os porqués de
moitas das cousas que estiveches a ler antes ao velas desde a outra
óptica. Os personaxes centrais parécenme realmente bos, todos eles
cribles e preto dunha realidade que facilmente podería ser como a
conta a autora. Sobrecollido en moitos momentos por unha historia de
amor e amistade que amosa que o entendemento entre as persoas debería
de ser posible cun mínimo de vontade, de querer evitar unha
violencia que so trae morte e desgracias. Creo que a autora non toma
partido por ningunha das dúas partes, que pretende mostrar algo que
non coincide coa realidade. Certo é que para ambas partes a
situación non é fácil, é moi complicada e non parece ter fácil
solución, pero estou seguro de que hai máis dun Zucker e Ziad no
mundo que cren que as cousas poden ser distintas. Recomendo a súa
lectura, é unha novela longa que non mo pareceu en absoluto porque
me atrapou desde a primeira páxina ata a última.