viernes, 26 de julio de 2013

"The Following"


Hai tempo que non tocaba o tema das series de televisión. Como xa dixen anteriormente a verdade é que non vemos demasiadas novas ultimamente, metidos de cheo nas novas temporadas de outras das que somos seguidores. Así que hoxe imos de novo cunha serie que cumpre moitas das ideas que teño postas por aquí sobre este tema, actores coñecidos, algún que ven directamente do cine, un bo guión, unha gran realización, boas interpretacións e unha historia que te atrapa case desde a primeira imaxe. Hai pouco que rematamos de ver a primeira temporada de “The Following” e aínda teño na cabeza máis dunha escena, máis dun momento que me deixou atónito. Iso si, que alguén lle diga aos guionistas que as formas que teñen ultimamente de rematar as temporadas é case unha ofensa ao espectador, que agora teño que esperar meses para poder ver que pasa, tras unha escena final que te deixa con ganas de moito máis. E non pasa so con esta, senón con case todas, señores guionistas, que non son formas, home.

Estamos ante un thriller que podería parecer do máis típico, unha máis. Asasino en serie, axente do FBI retirado e alcohólico e case todas as constantes do xénero. Pero xa desde o primeiro capítulo veremos que nos atopamos cunha nova e orixinal volta de torca na forma de tratar o tema e, sobre todo, en como xoga co espectador para conseguir que manteña a atención. E xa vos digo que aquí a mantivemos en todo momento, que chegamos a ter o corazón nun puño desde o principio ata o final. Creo que desde o personaxe de Hannibal Lecter ningún asasino televisivo ou cinematográfico conseguira poñerme os pelos de punta de tal maneira, sentindo cara a el unha estraña mistura entre atracción e repulsión difícil de conseguir. Creo que aquí radica un dos grandes méritos da serie. Xogando con dúas constantes do xénero, o asasino en serie e o policía retirado, consegue facer algo novo, darlle un desenvolvemento completamente inesperado e cheo de sorpresas, de momentos que farán que soltes unha exclamación ou case saltes no sofá, porque sempre esperaremos o inesperado e incluso algo máis.

Joe Carroll é o asasino. Empezamos a historia con el no cárcere e conseguindo escapar da mesma tras unha brutal e sanguenta fuga. Xa de paso digo que non vou contar nada que non se descubra ao pouco de empezar a serie, que xa sabedes que non me gusta nada que me destripen as historias, así que eu tento facer o mesmo. Ryan Hardy é o axente do FBI que o atrapou no seu momento, pero lle custou caro, unha puñalada preto do corazón cando se enfrontaba a el fixo que tivera que deixar o seu traballo a causa do implante dun marcapasos. Agora vive inmerso no alcohol e a depresión, pero a fuga de Carroll fará que teña que volver á acción. En primeiro lugar porque foi el o que o atrapou e en segundo porque o propio asasino quere que participe no xogo. Carroll é un profesor de literatura, obsesionado co Romanticismo e sobre todo coa figura de Edgar Allan Poe, un dos grandes da época. Ademais diso quere ser escritor, aínda que a primeira novela que publicou non tivo o éxito que buscaba, senón case todo o contrario. É violento, desapiadado e asasinou a varias mulleres de forma brutal antes de que Hardy puidera detelo. Pero o máis destacado é que posúe unha personalidade hipnótica, coas súas miradas e as súas palabras é capaz de conseguir case todo o que quere e se propón, incluso escapar do cárcere de máxima seguridade no que se atopa. Carroll vai concibir todo como se fora unha nova novela que está a escribir e coa que pretende alcanzar o éxito que se lle resistiu coa primeira. Unha novela na que Hardy é o protagonista e el o antagonista, manexando os fíos e deixando pouco espazo á improvisación, tentando ter todo calculado e previsto, pero claro, iso é case imposible. Para iso, ademais consegue que varias persoas do exterior colaboren con el, xente que foi visitalo ao cárcere e aos que, con esa gran personalidade que ten, convence para que traballen con el como elementos da súa vinganza. Iso fai que en todo momento non saibamos que pensar como espectadores, porque nunca saberemos se calquera dos que rodean a Hardy ou van aparecendo están do lado de Carroll ou non, unha das mellores cousas da serie e que fai que a tensión sexa moi alta. Do mesmo modo, como ben dixeron os meus irmáns, non lle collades demasiado cariño aos personaxes, porque pronto veredes que aos guionistas non lles doe nada facer desaparecer ou morrer a calquera deles, outra das cousas que farán que saltemos máis dunha vez no sofá.

Outra das mellores cousas da serie son os actores. De novo o protagonista provén directamente do mundo do cine e é outro deses que sempre me gustan e que aquí está realmente ben. O papel de Ryan Hardy é para o coñecido Kevin Bacon, un todoterreno que pasou do musical ao drama pasando pola comedia, tocando case todos os xéneros, incluso un par de boas cintas de terror. É un actor que sempre cumpre e gusta, pero aquí está xenial, cumprindo á perfección co seu papel e transmitindo ao espectador cos seus xestos, miradas e agonías, todo aquilo que o guión pídelle. O papel de Carroll é para James Purefoy. Xenial tamén encarnando a ese asasino frío, calculador e cun punto de loucura que fai que sexa completamente crible na súa actuación. Podería parecer que non, pero en todo momento parécenos que o que fai, o que pensa e o que di podería ser moi ben dunha persoa real. A súa obsesión por Poe, polo Romanticismo máis negro e violento fai del un personaxe que creo que quedará como un dos mellores dentro do mundo televisivo. E ao redor destes dous unha boa cantidade de personaxes que non me atrevo a considerar secundarios, porque non hai un so que non teña unha participación importante dentro de toda esa tea de araña que Carroll constrúe ao seu redor. Todos eles, tanto os que están con Hardy como os que están con Carroll (sobre todo estes, que dan calofríos máis dunha vez) conforman un mundo que desconcertará ao espectador. De todos eles quedo con dous, o axente do FBI que está ao lado de Hardy en todo momento, Mike Weston, e Emma Hill, da que non vou dicir nada de nada, xa o veredes.

A serie xoga con todos os tópicos deste tipo de historias, pero consegue darlle tales xiros que fai que sexa, desde o meu punto de vista, moi orixinal, creativa e sorprendente. A introdución dos relatos de Poe dun modo directo e constante é outro elementos que fai que me guste máis, xa que está entre os meus escritores favoritos e creo que todos os seus contos foron das primeiras cousas que lin cando era algo máis novo e que volvo ler algunha vez. O desenvolvemento da historia e as interpretacións son realmente sobresaíntes e farán que sexa difícil verse un so capítulo, porque sempre quereremos saber algo máis, non poderemos deixar a cousa colgada. A tensión chega a extremos que farán que manteñamos a respiración máis dunha vez, a as veces demasiado para soportalo, soltando unha boa exclamación cando eses momentos rematen. Unha das mellores cousas que ten é o guión e a forma de desenvolvelo, xa que as sorpresas serán constantes, é difícil dicir iso de “xa sei que vai pasar” porque aínda que esperemos algo normalmente as cousas non irán polo camiño que nos podemos seguir na nosa cabeza. É máis, irán por sitios completamente inesperados pero completamente lóxicos dentro do argumento, sen pasarse en ningún momento.


Rematada a primeira temporada espero con moitas ganas a segunda, esperando que manteñan a mesma liña, aínda que me parece bastante difícil. Se non a vistes no seu momento recomendo que busquedes a forma de facelo, do último que teño visto tanto neste xénero como noutros creo que é do mellor, completamente recomendable.

1 comentario:

  1. Completamente de acordo: a min tamén me encatou esta serie, estou desexando que volva a segunda parte.
    Saúdos

    ResponderEliminar