
Jeff Lindsay é o
seudónimo de Jefrey P. Freundich, novelista e dramaturgo nado en
Florida en 1952. É licenciado en literatura pola Universidade de
Middlebury. Posteriormente realizou un máster en dirección teatral.
Nos seus inicios traballou como actor e músico. É autor de máis de
vinte obras de teatro, algunhas musicais, e varias producións de
televisión e de cine. Nalgunhas delas colabora coa súa dona, Hilary
Hemingway, sobriña do coñecido novelista. Tras varias novelas e
traballos en periódicos de Florida, a fama chegoulle coa publicación
de “El oscuro pasajero” en 2004, primeira das novelas dedicadas
ao personaxe de Dexter e que serviu de base para a serie de
televisión. Por esa novela foi nominado a un premio para novelistas
noveles, pero foi eliminado do mesmo ao ver que tiña novelas
anteriores publicadas con seudónimo. Outras novelas da serie son
“Querido Dexter” (2006), “Dexter en la oscuridad” (2008),
“Dexter por decisión propia” (2010) e a última traducida e que
remato de ler hai pouco é “El asesino exquisito”. En inglés a
última é “Double Dexter”, do 2011.
Que teñen en común as
novelas e a serie? Como comentei a primeira temporada da serie parte
da primeira das novelas, seguíndoa cunha certa fidelidade en canto a
aspectos argumentais e ás características básicas do personaxe. Do
mesmo modo a maior parte dos personaxes das historias en papel
aparecen na serie máis ou menos coas mesmas características. A súa
irmá, os outros forenses, os axentes da policía de Miami, o
misterioso irmán do protagonista, a súa noiva e futura esposa xunto
cos dous fillos desta... Practicamente todos están nas novelas, pero
tras a primeira temporada toman camiños distintos e non podemos
dicir que algunha delas estea baseada nas novelas posteriores. Si que
teñen momentos tomados de algunha delas, asasinos que aparecen
nalgún momento poden converterse nos protagonistas televisivos, pero
en ningún caso asociemos cada unha das entregas editadas coas que
podemos ver en televisión. Tamén, en xeral, as formas de
comportarse destes personaxes que xiran ao redor do protagonista son
comúns a ambas. Se vimos a serie e logo lemos as novelas veremos
como le poñemos cara ao mesmo tempo que lemos a todos os personaxes.
Deborah é tan mal falada, seca e borde nun sitio como no outro;
Masuka é igual de friki e insoportable en ambas. Teñamos en conta
que Lindsay, o creador de todo este mundo, participa de forma activa
en todos e cada un dos episodios da serie. En ambos casos o éxito
dos dous medios foi unha sorpresa para todos. Non esperaban que poñer
como protagonista a un asasino en serie que traballa coa policía e
encárgase de calmar os seus instintos matando a xente que segundo o
código que lle ensinou o seu pai adoptivo meréceo chegara a ter o
público que ten. Así que de momento temos seis novelas e sete
temporadas de serie, a oitava chegará á televisión americana a
mediados de ano.
E, que distingue ao
Dexter de papel do da pequena pantalla? Pois a pesar de ter o mesmo
aire son algo distintos. Podemos dicir que o da televisión,
evidentemente, está algo máis suavizado que o das novelas, máis
preto e máis simpático para o espectador. Os seus actos aparecen
como algo máis xustificados, máis razoados e lóxicos. Na serie
nese sentido é máis suave o personaxe, incluso chegando a sufrir
nalgún momento por aquilo que fai. Ese código que o seu pai
ensinoulle é a base do seu comportamento e incluso esfórzase por
ter sentimentos humanos. O Dexter das novelas é, se cabe, moito máis
escuro, máis negro e máis cruel. Os diálogos internos con ese
escuro pasaxeiro que vive no seu interior son moito máis directos,
máis crueis e xustificando máis a violencia na que vive inmerso.
Este outro Dexter non so non entende a maior parte dos comportamentos
sociais da xente que lle rodea, senón que se burla deles,
ridiculízaos e os seus intentos por comportarse como o resto parecen
case ridículos. É moito máis cínico con ese tipo de actuacións,
con todo o que ten que facer para encaixar nunha sociedade que non
entende porque non é capaz de sentir o mesmo que os demais. Neste
sentido é moito máis frío e moito máis cínico, máis directo.
Case todo o que lle rodea pode converterse en algo que ridiculizar,
case como se o mundo fora unha gran obra de teatro onde el, que non
está mediatizado por todos eses sentimentos humanos, dirixe todo ao
seu antollo e ri de todo. Todo isto cambia nalgún momento, pero non
vou contar nin en cal nin en que novela. O Dexter das novelas está
en estado puro, sen pulir nin suavizalo para que non apareza ante o
espectador como un asasino desapiadado. Nas novelas dependendo de que
estea a facer ou en onde estea case temos dous personaxes distintos,
que falan de formas distintas e ven a realidade tamén de dúas
formas. Por un lado temos ao solitario, que so está acompañado do
seu escuro pasaxeiro, unha constante en cada páxina, frío, seco e
directo. Por outro lado temos ao que está obrigado a socializar para
que ninguén sospeite del, que cara afora compórtase como o home
ideal pero que cando lemos o que pensa en realidade non é máis que
un cínico completo e total, practicamente sen un so momento de
sentimentos humanos.
As novelas son máis ou
menos curtas, ao estilo da clásica novela negra de toda a vida.
Directas e sen demasiadas cousas fóra da historia principal. Os
personaxes están perfectamente deseñados e plantexados, todos teñen
a súa función. Ademais de centrarse no personaxe principal en cada
unha delas temos a un asasino en serie que se converte no antagonista
de Dexter, aquel ao que o seu escuro pasaxeiro ten máis ganas de
coller e de matar. Incluso, aínda mantendo os rituais básicos que
coñecemos da serie, os seus asasinatos non son tan estéticos, por
dicilo dalgunha maneira, como vemos na televisión, aquí máis dunha
vez convértense en algo brutal, ou máis brutal. A verdade é que se
ven como auténticos asasinatos que como rituais produto dunha
necesidade interior e unha liberación.
Dous Dexter parecidos
pero distintos. Se sodes seguidores da serie eu vos recomendaría que
tentarades ler as novelas, empezando loxicamente pola primeira, a
máis parecida ao que coñecemos. Logo verémolas dunha maneira
distinta, novas aventuras do señor Morgan e a súa escuridade
interior. Eu volas recomendo, por certo, toda elas editadas por
Umbriel ou Books 4 Pockett.